O BNG proporá no Pleno a creación dun “Bono de Nadal” para axudar á veciñanza e ao pequeno comercio de Miño
Alberte G. Nicolás: “propoñemos ao goberno local de Miño que poña en marcha un Bono de Nadal que, por un lado, axude ás familias a acceder a estes bens e servizos durante a época de Nadal e, por outro lado, que sexan os pequenos comercios da nosa localidade onde recaia esta axuda”
Miño, 17 de outubro de 2023.- O BNG proporá no Pleno a creación dun “Bono de Nadal” para axudar á veciñanza e ao pequeno comercio de Miño. “O Concello de Miño, pese a súa proximidade a grandes vilas como Pontedeume e Betanzos ou ás cidades de Ferrol e A Coruña, mantén un tecido comercial máis tradicional, en forma de pequeno comercio. Son moitos os comercios rexentados por veciñas e veciños de Miño que, ademais de ser o sustento para as súas familias, manteñen o dinamismo no noso concello durante todo o ano”, explica o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “Se a campaña de verán para moitas é o momento de maior demanda, as vacacións de Nadal xunto cas compras aparelladas e posterior período de rebaixas, tamén supón un importante aliciente para a economía de Miño”, engade.
“Nos últimos anos vimos sufrindo unha crise de prezos e un aumento da carestía da vida disparada, que xa levabamos padecendo como consecuencia da crise financeira do 2008. Desde o BNG pensamos que é importante poñer en marcha medidas no curto prazo que axuden a mitigar o impacto desta situación. É innegábel que os prezos dos bens e servizos aumentaron sen unha subida aparellada do poder adquisitivo da poboación”, indica Alberte G. Nicolás.
O BNG propón ao goberno local de Miño que poña en marcha un “Bono de Nadal” que, por un lado, axude ás familias a acceder a estes bens e servizos durante a época de Nadal e, por outro lado, que sexan os pequenos comercios da nosa localidade onde recaia esta axuda. “Cun investimento de 35.000€ por parte do concello, mobilizaríanse 140.000€ entre os diferentes comercios de Miño”, explica o portavoz do BNG.
“Este bono dinamizaría o consumo no comercio local, restaurantes, cafeterías, salóns de peiteado ou servizos como o do taxi e cun prazo para facer uso deste bono do 15 de decembro ao 15 de xaneiro do vindeiro ano, o que permitiría que se puidese aproveitar para realizar as compras de Nadal”, concluíu o voceiro nacionalista.