O BNG propón un recoñecemento aos escritores Xosé Lois Mosquera Camba e Oscar García Ramos e á escritora Dores Tembrás
O grupo municipal nacionalista inclúe tamén na súa proposta unha colaboración co CPI Cruz do Sar para poñer en valor a obra dos escritores e escritoras de Bergondo e dala a coñecer entre o alumnado
Bergondo, 30 de abril de 2024.- O BNG de Bergondo propuxo ao goberno local que organice, en nome de toda a Corporación, un acto público aberto de recoñecemento ás veciñas e veciños que veñen levando a cabo un traballo salientábel no mundo das letras. O recentemente premiado Xosé Luís Mosquera Camba, a dobremente nominada nos “Premios Follas Novas do Libro Galego” Dores Tembrás, ou Oscar García Ramos, que conta tamén con diversos premios literarios son algúns dos nomes propostos polo BNG, sen prexuízo de que se poida engadir algún máis que consideren os restantes grupos. Desde o BNG propoñen tamén que se leven a cabo actividades de difusión do seu traballo e as súas obras.
"Estes veciños e veciñas son xa persoeiros salientábeis no mundo da literatura, amplamente premiados en certames de relevancia, e moitas veces non lles damos a importancia que merecen, polo que cómpre darlles visibilidade e poñer en valor o seu inxente traballo pola cultura, e á vez a súa contribución a levar o nome de Bergondo alí onde van", indicou o portavoz nacionalista, David Carro.
O grupo municipal nacionalista inclúe tamén na súa proposta unha colaboración co CPI Cruz do Sar para poñer en valor a obra dos escritores e escritoras de Bergondo e dala a coñecer entre o alumnado. "Organizar un acto con estes escritores dirixido ao alumnado, para que poidan contar a súa experiencia e dar a coñecer a súa obra, para que os nenos e nenas coñezan persoeiros destacados máis próximos e lles sirvan de exemplo" , concluíu Carro.