O BNG afirmou que o PP esquece á comarca das Mariñas na súa proposta de orzamentos da Xunta para o 2025
Cristina López: “Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos que vimos sufrindo nas Mariñas desde hai décadas como a falta dun saneamento completo e efectivo da Ría de Betanzos, ou a falta de infraestruturas en servizos sociais como unha residencia pública ou un centro de día comarcais”
Betanzos, 20 de outubro de 2024.- O BNG afirmou que o PP esquece á comarca das Mariñas na súa proposta de orzamentos da Xunta para o 2025. “Os orzamentos do PP esquecen os servizos públicos básicos como os servizos sociais ou as necesidades dos centros educativos da comarca e tampouco reservan partidas para obras indispensábeis como rematar o saneamento e depuración da Ría de Betanzos e seguen deixando pendentes, un ano máis, as débedas do goberno galego coa comarca das Mariñas”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
Neste sentido, desde o BNG lamentan que “este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público nin xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”, criticou a responsábel do BNG. Os investimentos que a Xunta proxecta nas Mariñas redúcense a dúas obras xa licitadas, o centro de saúde de Abegondo e a rehabilitación do CEIP Vales Villamarín, pero mesmo obras comprometidas polo PP na campaña electoral como un novo IES para Miño, ou as melloras do IES Francisco Aguiar e o IES As Mariñas non aparecen recollidas no orzamento para o vindeiro ano”, explicaron desde o BNG.
“Un ano máis anuncian a mellora da seguridade viaria no paso a nivel da vía do tren en Oza, que xa recolleran o ano pasado e non executaron, mais demandas da veciñanza como as obras de seguridade viaria en Infesta en Betanzos ou no cruce de Montellos tampouco atopan oco na planificación da Xunta para o vindeiro ano”, informaron.
O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padecen os nosos ríos e a ría de Betanzos. Non hai ningunha partida para mellorar o saneamento nin a depuración nos ríos e a Ría, a pesar dos múltiples problemas que vimos sufrindo. Non aparece partida reservada para a, tan demandada, depuradora en Paderne”, engadiu Cristina López.
“Non hai unha aposta polas oportunidades imensas que supón a posta en valor do Patrimonio de Betanzos e a nosa comarca. Só recollen na memoria unha referencia a unha reserva para obras de rehabilitación no camiño de Santiago dentro dunha partida xenérica mais non hai un investimento decidido na recuperación do Casco Histórico de Betanzos e esquecen completamente o resto do Patrimonio da nosa comarca como a Necrópole do Monte do Gato, entre Coirós, Aranga e Oza-Cesuras (ameazada polos parques eólicos e as liñas de alta tensión), ou a conservación e posta en valor doutro patrimonio protexido e a piques de desaparecer como a Fábrica da luz en Betanzos”, engaden desde o BNG.
“Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos que vimos sufrindo nas Mariñas desde hai décadas como a falta dun saneamento completo e efectivo da Ría de Betanzos, ou a falta de infraestruturas en servizos sociais como unha residencia pública ou un centro de día comarcais”, concluíu a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, anunciou que intentarán canalizar as necesidades dos veciños e veciñas das Mariñas a través das emendas aos orzamentos da Xunta. “Imos trasladar de novo os problemas da veciñanza das Mariñas como emendas a estes orzamentos, poñeremos de novo enriba da mesa as necesidades desta comarca totalmente esquecida polo goberno do PP na Xunta”, anunciou.