O BNG de Coirós insta ao goberno local a crear puntos de información contra violencia machista nas festas e eventos locais
Pura Ferreño, voceira do BNG en Coirós, propón que se dispoñan nos eventos festivos ou de alta concorrencia, puntos de información e atención contra a violencia machista, coñecidos como “Puntos Violeta”.
A nacionalista detalla que deberán estar ben identificados e ser promocionados de xeito de todas as mulleres e outras persoas que poidan sentirse agredidas en función do seu xénero ou identidade sexual, saiban que están á súa disposición.
Afirma Ferreño que “é incuestionabel o grande traballo que desenvolven as profesionais dos CIM en atención urxente, en prevención e tamén en formacíón para a igualdade.” Engade que “tamén é un feito constatábel que a violencia exercida contra as mulleres, persoas homosexuais, trans ou que discrepan da cisheteronorma, non entende de horarios nin de festas ou vacacións.”
Indica a portavoz do BNG que “non podemos esquecer que os eventos multitudinarios son espazos nos que tamén se visibilizan as discriminacións de xénero e moitas actitudes sexistas e violentas para as mulleres e colectivos lgbtiq+. Isto, unido a un consumo elevado de alcol, pode da lugar a situacións de acoso e de relacións que non sempre son acordadas en absoluta liberdade e có consentimento pertinente. Esta cuestión afecta de xeito importante, aínda que non exclusivamente, ás persoas mozas.”
Por isto explican as nacionalistas “é necesario facer fronte a este problema e combatelo con información directa e atención nos puntos de conflito. O obxectivo debe ser sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e tamén a favor dun consumo responsábel do alcol”
Para conseguilo a formación nacionalista propón “dispoñer Puntos Violeta nos eventos festivos ou de alta concorrencia. Estes lugares estarán atendidos por persoal especializado, deben ser promocionados e estar ben identificados para facilitar que todas as mulleres e outras persoas que poidan sentirse agredidas en función do seu xénero ou identidade sexual, saiban que están á súa disposición”
Engade tamén Pura Ferreño a necesidade de “elaborar material informativo específico que axude a identificar situacións de acoso e saber como actuar e onde dirixirse, un manual de Boas Prácticas para promover unhas festas non sexistas e un tipo de ocio e diversión en igualdade, respectuoso e desligado do consumo de alcol e drogas”