Pura Ferreño elixida por unanimidade candidata do BNG á alcaldía de Coirós
“Temos un traballo continuo nos últimos anos para mellorar a vida da veciñanza de Coirós, como o noso traballo reclamando obras para garantir a seguridade viaria no cruce de Queirís, uns servizos de recollida e tratamento de lixo de calidade cun punto limpo supramunicipal ou un transporte público digno”
Coirós, 16 de marzo de 2023.- A Asemblea local do BNG en Coirós ven de designar por unanimidade de novo a Pura Ferreño Saia como candidata á alcaldía de Coirós. Pura Ferreño Saia, actual portavoz do BNG en Coirós, vive en Coirós de abaixo e encabeza un proxecto pensado para acabar coa política “clientelar” do actual alcalde e chegar ao goberno para democratizar o concello de Coirós.
A Pura Ferreño Saia acompañarana na candidatura o veciño de Colantres Pablo Bugia López e Carmen Tomé Darriba e José Sevilla Chueca. “Presentámonos con ilusión para seguir dando esperanza e alternativa a este goberno do Partido Popular que só pensa en manterse no poder a toda costa e que utiliza os cartos públicos para mercar vontades”, explicou a candidata nacionalista.
“Temos un traballo continuo nos últimos anos para mellorar a vida da veciñanza de Coirós, como o noso traballo reclamando obras para garantir a seguridade viaria no cruce de Queirís, uns servizos de recollida e tratamento de lixo de calidade cun punto limpo supramunicipal ou un transporte público digno”, explicou a voceira nacionalista. “Nesa liña seguiremos traballando os meses que quedan, e convidamos a toda a veciñanza a unirse a nós porque cremos no noso concello e nas nosas potencialidades”, concluíu a candidata do BNG.