O BNG lamentou que o goberno local non tivese en conta as súas propostas para o orzamento municipal
Pura Ferreño: “Un ano máis evidénciase a escaseza de recursos adicados a investimento, pouco máis dun 4% do total dos orzamentos, limitándose á cantidade vinculada aos Plans de Obras e Servizos da Deputación da Coruña”
Coirós, 30 de Decembro de 2022.- O BNG criticou que o goberno local non atendera ningunha das súas propostas para o orzamento de 2023. “Presentamos as alegacións aos orzamentos para subsanar varias deficiencias do documento orixinal e melloralo polo ben das veciñas e veciños de Coirós”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.
“Propoñemos o aumento dos investimentos para a execución de diversas obras. Urxe a sinalización de prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida na contorna dos edificios municipais. Demandamos, tamén, unha campaña de limpeza e posta en valor do patrimonio ligado á auga, ríos e fontes e propomos a execución dunha rede de “camiños saudábeis” para fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta entre as aldeas e cara aos locais municipais, sanitarios e deportivos”, detalla a voceira nacionalista.
“De novo temos que rexeitar os 6.000 euros que o alcalde reserva como libre designación. Pensamos que deben ser suprimidos e crear con eles unha partida para elaborar un estudo sobre a posibilidade de implementar un servizo de transporte público entre as diferentes parroquias do municipio”, indicou Ferreño.
“Exiximos a redacción dun plan de subvencións para establecer un proceso de concorrencia competitiva e, deste xeito, facer unha xestión realmente transparente das transferencias a entidades. Hai que valorar cuestións coma o fomento do idioma e cultura galega, educación solidaria e en igualdade, compañeirismo, respecto á diversidade e coidado dos seres vivos e o medio ambiente”, engadiu a voceira nacionalista.
Seguindo na liña de utilizar os fondos públicos con criterios sociais, Pura Ferreño remarca que “para garantir que son útiles para aquelas persoas que máis o precisan, nas axudas por nacemento e adopción cómpre mudar os criterios para que se repartan en función do nivel de renda e por tramos de ingresos. È necesario tamén facer unha redacción da norma dun xeito máis inclusivo para ter en conta os diversos tipos de familia que hoxe en día debemos contemplar e atender”.
Finalmente lembrou a necesidade de utilizar os 20.000 euros reservados para loita contra a violencia machista. “Queremos que unha parte se pase ao capítulo de gasto corrente para levar a cabo campañas de concienciación contra os comportamentos machistas, a violencia contra as mulleres e a prol da igualdade real”, concluíu Ferreño. ”Lamentabelmente ningunha destas propostas foi atendida polo goberno municipal do Partido Popular”.