O BNG de Miño finaliza unha rolda de encontros veciñais nas parroquias para facer balance da primeira metade do mandato e escoitar propostas da veciñanza
A formación nacionalista denuncia a falta de investimentos no rural e reclama unha maior planificación e proxecto de futuro para o concello
Miño, 28 de maio de 2025. O BNG de Miño vén de pechar unha serie de encontros veciñais celebrados ao longo do mes de maio nas diferentes parroquias do municipio. Estes encontros leváronse a cabo co obxectivo de facer balance da primeira metade do mandato e recoller inquedanzas, queixas e propostas da veciñanza.
Estas xuntanzas supuxeron unha oportunidade para achegar o traballo desenvolvido polo BNG durante estes dous anos de mandato, logo de recuperar a representación no pleno nas elección municipais do 2023. “A diferencia doutros mandatos, a presenza e experiencia do BNG permitiu mudar dinámicas e introducir debates que antes non se daban”, valoran desde a formación.
Durante os encontros, as representantes nacionalistas puxeron en valor as máis de 90 iniciativas levadas a pleno, moitas delas enfocadas en cuestións clave para Miño, como a mellora da sanidade e da educación pública, a declaración das Marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou a posta en marcha de medidas de inclusión de colectivos vulnerábeis nas políticas municipais, como as persoas con mobilidade reducida ou persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). “Cunha maioría absoluta do PSOE e cun só concelleiro do BNG, fomos quen de arrincar acordos en positivo e obrigar ao goberno local a posicionarse en temas que antes se evitaban”, sinalou Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño.
Porén, tamén se recolleron críticas e preocupacións sobre o rumbo do goberno local. “Vemos un executivo sen planificación, que chega tarde aos compromisos, sen orzamentos aprobados en tempo e con contratos de servizos básicos en precario desde hai anos. O que conleva a unha perda na calidade dos servizos públicos”, sinalou o nacionalista. “E, sobre todo, sen un proxecto definido para un concello que está medrando en poboación pero sen ver garantido o acompañamento nos servizos públicos”.
Un dos temas máis recorrentes nos encontros foi a situación das parroquias e das zonas rurais, onde a veciñanza denunciou a falta de investimentos, mantemento básico e servizos. “É imposíbel fixar poboación no rural se non se garante unha calidade de vida mínima. Non falamos de grandes investimentos, falamos de pequenas cuestións que melloran o día a día da veciñanza, como melloras nos parques infantís e zonas deportivas ou na seguridade viaria”, afirman desde o BNG, que tamén recolleron propostas directas en relación á mobilidade, o transporte, a limpeza viaria, a programación cultural ou a dinamización do comercio local.
Por último, o BNG volveu insistir na necesidade de abrir canles estábeis de participación cidadá; como consultas veciñais, orzamentos participativos ou a creación de consellos veciñais: “Hai que dar máis voz á veciñanza e promover un modelo participativo onde impliquemos a máis xente na toma de decisións e permita construír un Miño pensado para quen o habita os 365 días do ano”.
O voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás, remataba a súa intervención lembrando que “Miño está cambiando, pero o cambio só será positivo se se fai coas persoas no centro. Desde o BNG seguiremos traballando para que ese sexa o camiño”.