O BNG non apoiou a proposta do orzamento de 2025 e empraza ao goberno municipal a abrir vías de diálogo
Con esta postura, o BNG reafirma tanto o seu compromiso coa veciñanza de Miño como coa defensa dun modelo de xestión baseado na transparencia, o diálogo e o respecto polos acordos institucionais
Alberte G. Nicolás: “O BNG sempre mantivo a man tendida para dialogar e chegar a acordos. E seguirá a facelo, pero tamén estaremos vixiantes para esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos”
Miño, 20 de maio de 2025. O BNG de Miño votou en contra da proposta de orzamento municipal presentada polo goberno do PSOE para o ano 2025. A formación nacionalista denuncia a falta de vontade de diálogo do executivo local e critica a exclusión de medidas e acordos previamente aprobados en pleno, como a posta en marcha de actuacións de inclusión para colectivos vulnerábeis.
O voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás, lembrou que xa previñan o rexeitamento das alegacións presentadas, incluso antes de que se fixesen públicas. “O alcalde dicía lamentar a falta de apoio da oposición, mais desde o BNG consideramos que este goberno nin precisa nin busca ese apoio, de aí o desinterese por atender as propostas que fomos trasladando ao longo do mandato”, afirmou.
As achegas do BNG recollían cuestións debatidas e valoradas positivamente noutras sesións plenarias, moitas delas aprobadas coa maioría do pleno, e que ben podían ser incorporadas ao orzamento de 2025. "Resulta inxusto que o propio alcalde, Vázquez Faraldo, alegue que estas propostas non eran coñecidas, cando xa foran debatidas e mesmo acordadas anteriormente polo Pleno", engadiu o voceiro nacionalista.
“O BNG sempre mantivo a man tendida para dialogar e chegar a acordos. E seguirá a facelo, pero tamén estaremos vixiantes para esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos”, advertiu Alberte G. Nicolás. Como exemplo, lembrou que “o PSOE non deu ningún paso para cumprir o primeiro acordo deste mandato: a declaración das marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). E como ese, outros acordos seguen gardados nun caixón”.
O BNG insiste en que, “se o goberno municipal quere o apoio do BNG para os orzamentos, o único que ten que facer é abrir as canles de diálogo que estime oportunas para valorar que propostas poden ser incluídas, atendendo simplemente aos acordos plenarios”.
“Se non están dispostos a cumprir coa súa palabra, o máis honesto sería facer un exercicio de sinceridade e votar en contra. Como xa fixeron ao negarse a condenar o xenocidio que a día de hoxe seguen sufrindo o pobo palestino, a non recoñecer o problema do acceso á vivenda en Miño e a necesidade de impulsar un Plan Municipal de Vivenda ou evitar a cesión da antiga escola de Gallamonde á Xunta de Galiza para a creación dunha residencia pública de maiores”, concluíu.
Con esta postura, o BNG reafirma tanto o seu compromiso coa veciñanza de Miño como coa defensa dun modelo de xestión baseado na transparencia, o diálogo e o respecto polos acordos institucionais.