O BNG, preocupado ante a nova proposta do PSOE para urbanizar 500 vivendas en Monte Piñeiro
A fronte nacionalista denuncia que a urbanización suporía un grave impacto sobre as marismas do Baxoi e critica o cambio de postura do PSOE, que pasa de opoñerse ao proxecto a defendelo en beneficio das grandes promotoras
Miño, 3 de xuño de 2025. O BNG de Miño vén de trasladar publicamente a súa preocupación fronte a nova proposta do goberno local do PSOE para urbanizar até 500 vivendas no ámbito de Monte Piñeiro, a carón das marismas do río Baxoi e da praia Grande, nunha zona de altísimo valor ecolóxico.
“O propio goberno local presentou en 2022 un proxecto que supostamente desbloqueaba a situación urbanística coas promotoras e que evitaría unha demanda millonaria cunha proposta de 350 vivendas e unha edificabilidade de 0,30 m²/m². Xa daquela advertimos do impacto que esta proposta tiña sobre un ecosistema tan delicado como as marismas, pero agora o PSOE dá un paso máis alá, aumentando até 500 vivendas e elevando a edificabilidade a 0,50 m²/m²”, explicou o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás.
“No BNG seguimos defendendo que non está xustificada esta promoción de nova vivenda, cando en Miño hai centos de vivendas baleiras e solo urbano sen desenvolver. Non é necesaria e menos aínda tensionado aínda máis un espazo de altísimo valor natural como son as marismas do Baxoi”, engadiu.
O BNG tamén amosou o seu desconcerto polo cambio de postura do PSOE ao longo dos últimos anos, xa que “cando estaban na oposición opoñíanse con rotundidade a esta urbanización. Logo dixeron que a proposta de 350 vivendas era a única solución viábel, vendendo como un auténtico logro esta rebaixa da edificabilidade que como moito se adaptaría a lexislación vixente, e agora pretenden convencernos de que a construción de 500 vivendas é o mellor para Miño e mesmo necesario. Non sabemos que criterio urbanístico están aplicando con este novo proxecto, nin que acordos están pechando coas promotoras, mais o que está claro é que non están pensando no interese xeral”, lamentou Alberte G. Nicolás.
A fronte nacionalista tamén puxo en dúbida a legalidade desta nova proposta, “temos serias dúbidas de que esta urbanización teña encaixe dentro das determinacións do Plan de Ordenación do Litoral (POL) e, sobre todo, que a edificabilidade que se propón sexa compatíbel cos límites que estabelece a Lei de Costas”, indicou Alberte G. Nicolás.
“Desde o BNG esiximos ao goberno local do PSOE que actúe con valentía e defenda os intereses da veciñanza de Miño a hora de chegar a acordos coas promotoras, en lugar de pregarse aos seus intereses económicos. Temos a responsabilidade de protexer o noso patrimonio natural e garantir un modelo urbanístico sostíbel que non hipoteque o futuro do noso concello”, concluíu o portavoz nacionalista.