Pedimos nas nosas alegacións á modificación do PXOM que se reclasifique Monte Piñeiro
Miño ten centos de vivendas en construción paralizadas e un 40 % de vivendas baleiras dende o interese público non se xustifica un desenvolvemento urbanístico de 750 vivendas en Monte Piñeiro
Miño, 21 de xullo de 2016. O BNG-AA de Miño rexistrou onte as súas alegacións no trámite de consultas previas á avaliación ambiental estratéxica para a Modificación do PXOM. Solicitamos que se inclúa na modificación en tramitación a urbanización de Monte Piñeiro, é dicir, que se reclasifique o solo urbanizábel R3, Monte Piñeiro, en solo rústico, explicou Olalla Barro, portavoz do BNG-AA.
Desde o BNG-AA explicaron que segundo o proxecto a modificación puntual ten como obxectivos principais incorporar o trazado do Camiño Inglés de Santiago e aumentar a protección no seu entorno. O Camiño Inglés de Santiago atravesa a vila de Miño, a súa traza discorre a unha distancia aproximada de 250 metros do ámbito R3, Monte Piñeiro, e a urbanización do mesmo suporía un forte impacto visual dada a tipoloxía de vivenda prevista -4 plantas + baixocuberta- e a situación a unha cota moi superior, informaron desde o BNG.
Ademais as nacionalistas alegan que o Concello de Miño forma parte da reserva da biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, que ten aprobado un Plan de xestión (2013-2017), no que recolle que as actuacións sobre o entorno deben ir en especial encamiñadas á conservación dos recursos naturais. A urbanización no monte Piñeiro suporía a eliminación da única masa forestal do ámbito urbano de Miño e tería un forte impacto ambiental sobre a Marisma do Baxoi, engadiu Olalla Barro.
Coa modificación que propón o goberno local reclasificase o solo urbanizable R2 en solo rústico. A superficie deste solo é de 2 Há, cunha edificabilidade de 0,2 m2/m2, co cal se evita a construción de 40 vivendas, informou Barro. Pero Miño ten centos de vivendas en construción paralizadas e un 40 % de vivendas baleiras, engadiu a voceira nacionalista, dende o interese público non se xustifica un desenvolvemento urbanístico de 750 vivendas en Monte Piñeiro.
A proposta reclasifica tamén varios ámbitos de solo rústico apto para urbanizar (S.R.A.U) ao longo da zona de afección do Camiño Inglés, por solos rústicos de protección, sumando máis de 1.000.000 m2 de superficie. Supón un aumento da protección, pero non evita a construción de vivendas, indicou a portavoz do BNG, pensamos que é completamente innecesario e mesmo moi nocivo tanto a nivel económico como ambiental seguir construíndo no noso Concello que ten só en Costa Miño unha grande cantidade de vivenda baleira, en construción ou de parcelas urbanas sen construír e por iso propomos esta modificación. É necesario preservar Monte Piñeiro como unha zona natural, concluíu.