Seguimos defendendo que se suprima a ORA en Miño
Parécenos surrealista que a veciñanza e visitantes de Miño esteamos pagando por aparcar e que o Concello non gañe nada ou mesmo perda cartos, postos a gastar cartos, que sexa en algo útil como en actividades de conciliación ou en limpeza das estradas, reparación de infraestruturas etc.
Miño, 15 de xullo de 2016. O BNG-AA insistiu na súa demanda de suprimir a ORA despois de que o goberno local fixera público que nin sequera está garantido que se vaian a cubrir os soldos das persoas contratadas. Parécenos surrealista que a veciñanza e visitantes de Miño esteamos pagando por aparcar e que o Concello non gañe nada ou mesmo perda cartos, postos a gastar cartos, que sexa en algo útil como en actividades de conciliación ou en limpeza das estradas, reparación de infraestruturas etc., explicou Olalla Barro, portavoz do BNG-AA de Miño.
Despois de que o alcalde xustificase o cambio que volve a ORA deficitaria nas queixas veciñais e insistira en que a ORA non debe ser un negocio, a nacionalista preguntouse e se non é para gañar cartos o Concello, para que se instaurou a ORA na praia?. Hai dous anos cando o PP, que agora segue gobernando grazas ao pacto con Ricardo Sánchez, xustificárono na recadación de fondos para manter a limpeza da praia e os seus servizos e agora resulta que non só non recadamos senón que imos perder cartos e que temos a praia sen servizos sen socorristas, os baños pechados...- e a veciñanza paga para manter 5 postos de traballo segundo afirmou o alcalde. É lamentábel, criticaron as nacionalistas.
Desde o BNG-AA reclamaron a derrogación da ORA e que se o concello de Miño quere crear postos de traballo que o faga en servizos que repercutan no benestar da veciñanza. As nacionalistas seguen considerando que a ORA é un sistema inxusto socialmente no que paga o mesmo quen ten uns ingresos mínimos ou ningún ingreso que Amancio Ortega. Neste sentido o BNG mostrouse sempre contrario a este sistema e partidario de que se financien os servizos pagando en función dos ingresos de cada quen.
Aínda sendo contrarias á ORA, o que si non ten xustificación é que se contrate persoal a finais de xullo para algo que está en vigor en teoría os 3 meses do verán, isto demostra unha vez máis o desastre de xestión do goberno local, a súa falta de previsión e deixadez en todos os ámbitos, concluíu Barro.