O BNG de Abegondo reclama melloras urxentes na rede viaria municipal para garantir a seguridade da veciñanza

Blan García Roel: “Non podemos permitir que as estradas do noso concello sexan un perigo diario para quen as transita. A veciñanza leva tempo alertando desta situación e xa é hora de que o goberno local actúe”

O BNG de Abegondo reclama melloras urxentes na rede viaria municipal para garantir a seguridade da veciñanza

Abegondo, 22 de maio de 2025 — O BNG de Abegondo presentou no último pleno municipal unha moción para reclamar actuacións inmediatas e planificadas nas estradas locais de Abegondo, atendendo ás demandas da veciñanza e ás deficiencias nalgunhas das estradas de titularidade municipal.

A iniciativa nace da escoita directa da veciñanza, que vén denunciando o mal estado do firme, a ausencia de sinalización e iluminación, e a perigosidade para peóns e vehículos nalgúns tramos especialmente conflitivos.

Un dos puntos críticos é a estrada entre Ardexurxo e Cruz de Beira, na parroquia de Sarandós, onde as fochancas se multiplicaron, agravadas polas recentes obras de saneamento. Tamén se alerta da situación da ponte sobre o río Barcés, que carece de sinalización e iluminación e obriga os peóns a camiñar pola calzada.

O voceiro municipal do BNG, Blan García Roel, puxo o foco tamén na estrada que conecta Abegondo con Presedo, unha vía especialmente transitada por vehículos pesados, en especial camións madeireiros. A formación nacionalista denuncia que esta vía é moi estreita, con curvas perigosas, sen sendas para peóns, escasa sinalización e sen control efectivo da velocidade.

Diante desta realidade, o BNG propón que o goberno municipal actúe con urxencia para reparar e sinalizar de forma adecuada a estrada entre Ardexurxo e a Crus de Beira, ao tempo que se adopten medidas que garantan a seguridade na ponte do río Barcés. En relación coa estrada cara a Presedo, as nacionalistas demandan a creación de sendas para peóns nos tramos máis perigosos e a aplicación doutras medidas correctoras como a mellora do firme, colocación de bandas rugosas ou reforzo da sinalización.

“Non podemos permitir que as estradas do noso concello sexan un perigo diario para quen as transita. A veciñanza leva tempo alertando desta situación e xa é hora de que o goberno local actúe”, conclúe García Roel, reclamando unha planificación seria e comprometida co benestar da poboación rural.

O BNG de Abegondo reclama melloras urxentes na rede viaria municipal para garantir a seguridade da veciñanza