O BNG de Abegondo propón un plan de inclusión e accesibilidade nos espazos públicos

undefined

Blan García Roel: “As persoas con mobilidade reducida, diversidade sensorial, cognitiva ou comunicativa enfróntanse diariamente a unha contorna que as exclúe”

Desde o BNG insisten en que “crear espazos inclusivos é avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade”.

O BNG de Abegondo propón un plan de inclusión e accesibilidade nos espazos públicos

Abegondo, 22 de maio de 2025. O BNG de Abegondo vén de presentar unha iniciativa para promover a inclusión e accesibilidade nos parques infantís e circuítos biosaudábeis do municipio. A iniciativa, detallada polo voceiro nacionalista Blan García Roel, propón actuacións concretas para adaptar os espazos públicos ás necesidades de todas as persoas, especialmente das que presentan algún tipo de diversidade funcional.

Segundo o BNG, “queda moito por facer” en materia de accesibilidade no concello, tanto en edificios públicos como en espazos educativos, deportivos ou culturais. “As persoas con mobilidade reducida, diversidade sensorial, cognitiva ou comunicativa enfróntanse diariamente a unha contorna que as exclúe”, denunciou García Roel.

A proposta recolle medidas como a instalación de pictogramas para facilitar a comunicación de persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), a incorporación de xogos e aparatos adaptados en parques infantís e a eliminación de barreiras arquitectónicas que dificultan o acceso. Ademais, o BNG solicita adaptar os espazos públicos para persoas xordas, cegas ou xordo-cegas, seguindo a normativa sobre accesibilidade universal.

“Cómpre asumir que a accesibilidade non é un luxo, senón un dereito. Un concello inclusivo é aquel que garante a participación plena de todas as persoas na vida comunitaria”, salientan desde a formación nacionalista, que tamén bota en falta unha maior colaboración do goberno municipal coas entidades do terceiro sector, “clave para deseñar políticas reais e transformadoras”.

O texto das nacionalistas reclama que se elabore un plan de accesibilidade universal nos espazos de titularidade municipal, con medidas efectivas e dotación orzamentaria. Desde o BNG insisten en que “crear espazos inclusivos é avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade”.

O BNG de Abegondo propón un plan de inclusión e accesibilidade nos espazos públicos