Pontón defende unha moratoria indefinida do eucalipto para articular un monte multifuncional fronte á “moratoria fake” do Goberno do PP

Exemplifica en Xilonor o modelo que precisa o País e avanza unha batería de propostas para impulsar a construción industrializada con madeira de calidade

Aposta por unha industria baseada na I+D+i que peche os ciclos produtivos, xere valor engadido e sexa sustentable co medio ambiente e co territorio

Pontón defende unha moratoria indefinida do eucalipto para articular un monte multifuncional fronte á “moratoria fake” do Goberno do PP

Santiago de Compostela, 20 novembro 2025.- A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu desde Coirós unha moratoria indefinida do eucalipto para poñer en marcha un monte ordenado, multifuncional e en mosaico que preserve a biodiversidade, fronte “a moratoria fake” do Goberno do PP que, advertiu, “non é un modelo de futuro” para o monte galego, nin por rendibilidade, nin tampouco polas súas “consecuencias medioambientais”.

Pontón visitou en Coirós as instalacións de Xilonor, empresa especializada na produción de madeira contralaminada para o seu uso no sector da construción, da que destacou o seu carácter innovador e a súa aposta pola transformación de piñeiro producido en Galiza e pola introdución de novos produtos no mercado. Apostas estratéxicas, subliñou, do modelo “cara a onde debe orientarse a industria” do País.

“Xilonor é unha empresa que mostra o camiño que ten que seguir o noso País, que aposta por fixar poboación no rural, por aproveitar a innovación e o deseño e por un modelo de industria no que acreditamos desde o BNG”, afirmou logo de agradecer á dirección da compañía unha visita que lle permitiu coñecer de primeira man o seu proxecto industrial.

Neste sentido, reafirmou o compromiso do Bloque cunha industria baseada na ciencia e na innovación, que peche ciclos produtivos e xere valor engadido coa transformación de produtos galegos e que o faga “desde a sustentabilidade”, máis tendo en conta que nos atopamos en medio dun cambio climático non que este ten que ser “un vector fundamental” de desenvolvemento económico.   

Logo de recordar que Galiza é unha “potencia forestal” que necesita que toda esa capacidade “sirva para xerar industria”, a líder nacionalista remarcou que o debate sobre o modelo forestal é de vital importancia para o futuro do País.

“As decisións que tomemos hoxe van marcar o modelo forestal que teremos nas próximas décadas e, precisamente por iso, é importante que se poña en marcha un xiro de 180 graos na política forestal”, reclamou, para subliñar a continuación a necesidade de apostar por un “monte máis sustentable”, con “máis silvicultura”, e que “xere máis valor engadido” a través da calidade dos seus produtos.

Para poder darlle este xiro de 180 graos á política forestal do País, Pontón apuntou como primeiro paso a aplicación dunha moratoria indefinida na plantación de eucalipto, unha medida que permitiría impulsar “un monte multifuncional e en mosaico”, cun deseño que aposte pola produción de “madeiras de calidade” que “permitan segundas transformacións”.

“É evidente que temos un potencial enorme no sector forestal e, desde logo, parécenos que o futuro non pasa por medidas como a moratoria fake que acaba de poñer en marcha o Partido Popular”, reprobou logo de advertir que o modelo do Goberno do PP “non é o que necesita o monte galego, nin por rendibilidade, nin tampouco polas consecuencias medioambientais que este modelo pode ter”.  

En contraposición, a portavoz nacional recalcou a alternativa do BNG por unha moratoria indefinida do eucalipto que permita poñer en marcha un monte multifuncional onde a transformación da madeira e o seu uso na construción se converta nun elemento estratéxico para Galiza, posibilitando a xeración de máis valor engadido, máis emprego de calidade e unha mellor conservación e rendibilidade dos montes.

Nesta liña, avanzou que o Bloque levará ao Parlamento unha batería de iniciativa para impulsar a construción industrializada con madeira de calidade producida e transformada no País. A primeira destas propostas pasa por incorporar a madeira nas construcións públicas.

“Sería relevante que o Instituto Galego de Vivenda e Solo apostara porque en todas as construcións e rehabilitacións que se fagan desde o ámbito público se chegara a ese 20% de construción en madeira”, afondou para apuntar a continuación ao sector público como “motor” de obra pública no que a incorporación de madeira tamén achegaría “outra forma de facer arquitectura”.

En segundo lugar, apostou por introducir cláusulas de sustentabilidade e de redución da pegada de carbono tanto na construción como na rehabilitación públicas, para primar o uso de madeira de proximidade. E, por último, o BNG proporá o deseño dun plan de innovación, coa participación das universidades e o Colexio de Arquitectos de Galiza, que posibilite un maior coñecemento sobre as vantaxes do uso da madeira e que permita mellorar a formación das e dos profesionais.

En definitiva, propostas que no seu conxunto perseguen aproveitar o enorme potencial que hai na cadea industria-sector forestal co obxectivo de darlle ese “xiro de 180 graos á política forestal que se está facendo en Galiza”, apostando por madeiras de calidade, pola silvicultura e por un modelo forestal que, desde a sustentabilidade, xere maior rendibilidade.

“Pensamos que hai capacidade para facelo, pero ten que haber unha vontade clara por parte do Goberno para camiñar nunha dirección diferente á que temos neste momento”, concluíu.

Pontón defende unha moratoria indefinida do eucalipto para articular un monte multifuncional fronte á “moratoria fake” do Goberno do PP