O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas

Mercedes Queixas: “Para o BNG é prioritario reservar unha partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos e para unha depuradora en Paderne ou para o tantas veces reclamado Centro de día ou xeriátrico público nas Mariñas”

O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas

Betanzos, 9 de decembro de 2025. O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas. As propostas do BNG recollen demandas que levan anos e mesmo décadas sen cubrir como “reservar unha partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos e para unha depuradora en Paderne ou para o tantas veces reclamado Centro de día ou xeriátrico público nas Mariñas”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. 

“Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos da nosa comarca. Só vemos puro continuísmo e incumprimentos continuos do goberno da Xunta que non cubre as necesidades das nosas veciñas e veciños”, criticou o responsábel comarcal do BNG, Alberte G. Nicolás.

Falta de orzamento para o saneamento integral da Ría de Betanzos

O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos". “Non aparece partida reservada para a, tan demandada, depuradora en Paderne, un ano máis aínda que o goberno galego sabe que é un infraestruta imprescindíbel para garantir a calidade da auga da Ría de Betanzos”, indicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

Necesidades en atención as persoas maiores sen cubrir

Neste sentido, a deputada do BNG lamentou que “este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público nin un xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”. O BNG segue defendendo que Xunta, Estado e Concello se poñan de acordo para rehabilitar o antigo ambulatorio de Betanzos como centro de día público.

Ensino público

Desde o BNG pediron que se reserve unha partida para melloras no CPI Castro Baxoi de Miño, comprometidas hai anos polo PP na Xunta e para contratar o proxecto dun novo IES en Miño, promesa do Partido popular na campaña das eleccións municipais e que o Pleno municipal acaba de pedir co apoio de todos os grupos políticos. “Nun concello que medra en poboación e no que aumentan ano a ano as necesidades en servizos básicos como ensino, servizos sociais ou sanidade a previsión de investimento da Xunta é inexistente, nin un só euro”, criticou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

Rehabilitación do Pasatempo e Casco Histórico de Betanzos

Para Betanzos o orzamento da Xunta do PP non recolle un só euro en investimento territorializado nin para vivenda, nin para posta en valor do seu inmenso patrimonio ou para servizos básicos. Desde o BNG presentamos emendas para reservar partidas para estes investimentos esenciais para a cabeceira comarcal. 

Sen investimento previsto tampouco para Bergondo

No caso de Bergondo, o BNG tamén solicitou investimento para resolver o problema de depuración no polígono nin para outras obras demandadas polo BNG como a recuperación do antigo edificio do LIGAL para un centro de transformación agrario e un viveiro de empresas.

O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 para a comarca das Mariñas