O BNG propón un Plan Municipal de Compostaxe en Miño para reducir custos e avanzar cara a un modelo máis sostíbel
Alberte G. Nicolás: “O compost pode aproveitarse nos xardíns municipais ou en proxectos de recuperación ambiental, xerando beneficios directos, ademais da evidente redución da factura para a veciñanza de Miño”
Miño, 13 de outubro de 2025. O BNG de Miño presentará no próximo pleno municipal unha moción para impulsar a creación dun Plan Municipal de Compostaxe que permita reducir o volume de residuos orgánicos, avanzar cara a un modelo máis sostíbel de xestión do lixo e diminuír o custo económico que o Concello paga pola recollida e tratamento a través de SOGAMA.
O portavoz municipal do BNG, Alberte García Nicolás, lembra que “máis do 40% do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica que podería ser tratada localmente para transformarse en abono natural”. Engade que “o actual modelo centralizado de SOGAMA, baseado na incineración e no transporte de residuos a longas distancias, é caro, ineficiente e ambientalmente insostíbel”.
A proposta nacionalista aposta por seguir o exemplo de concellos galegos como Allariz ou Pontevedra, que demostraron que os programas de compostaxe doméstica e comunitaria reducen de forma significativa os residuos e o gasto municipal. “O compost pode aproveitarse nos xardíns municipais ou en proxectos de recuperación ambiental, xerando beneficios directos para Miño, ademais da evidente redución da factura para os fogares miñenses”, explicou García Nicolás.
O BNG propón que o plan inclúa un programa piloto con illas de composteiros comunitarios en varios puntos do concello, o reparto de composteiros individuais para vivendas unifamiliares e unha campaña de sensibilización veciñal con formación práctica. Ademais, a moción solicita á Xunta de Galiza que apoie economicamente a iniciativa en cumprimento das directrices europeas sobre valorización da fracción orgánica.
“O que propoñemos é sentido común: apostar por un modelo máis ecolóxico, máis barato e máis participativo. A compostaxe é unha oportunidade para facer de Miño un concello máis verde e responsábel”, concluíu o portavoz do BNG.