O BNG urxe a resolver os problemas de seguridade da liña de autobús a Betanzos que utiliza o alumnado de Miño
Nos últimos días, o BNG de Miño recibiu varias denuncias con fotografías e vídeos onde se pode ver estudantes viaxando no autobús sentadas nas escaleiras e de pé, o que supón, a xuízo das nacionalistas, “unha falta de seguridade absoluta”
Alberte G. Nicolás: “As eivas no transporte repercuten sobre a calidade do ensino, e o BNG fará todo o posíbel para resolver a situación denunciada polo alumnado de Miño e as súas familias”
Miño, 30 de setembro de 2025. O BNG de Miño denunciou as graves deficiencias en materia de seguridade que sofre o alumnado de Miño que se despraza aos institutos de Betanzos e instou á Xunta de Galiza a implementar medidas urxentes para evitar que rapazas e rapaces viaxen de pé ou ocupando as escaleiras traseiras do autobús pola falta de prazas.
As nacionalistas critican que esta “é a normalidade a que nos ten acostumadas a Xunta de Galiza nos últimos tempos”, en referencia a que este problema xa foi denunciado en cursos pasados e nunca se chegou a solucionar.
“A Xunta de Galiza debuxou un comezo de curso idílico en todo o país, mais a realidade é outra” ironizaba o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, mentres que denunciaba que “en Miño continuamos cun CPI Castro Baxoi saturado e con carencias estruturais e de persoal, mentres que o alumnado que ten o seu centro de ensino noutras localidades, ve como os problemas co transporte persiste”. Desde o BNG de Miño insisten en que “estes problemas son dúas caras dunha mesma moeda”, polo que “irremediabelmente nalgún momento haberá que falar da necesidade dun IES en Miño”.
Nos últimos días, o BNG de Miño recibiu varias denuncias con fotografías e vídeos onde se pode ver estudantes viaxando no autobús sentadas nas escaleiras e de pé, o que supón, a xuízo das nacionalistas, “unha falta de seguridade absoluta”.
Desde o BNG lembran que esta situación se dá porque a Xunta de Galiza só garante os desprazamentos nas etapas de ensino obrigatorio, sempre e cando a distancia ao centro de ensino sexa menor dos dous quilómetros, “o que obriga ao alumnado de bacharelato e FP a depender do vehículo privado ou dunha liña regular incapaz de asumir a demanda existente“. “Non podemos normalizar que o PP, desde a Xunta de Galiza, continúe a degradar curso tras curso o ensino público”, sinalaba o portavoz nacionalista. “As eivas no transporte repercuten sobre a calidade do ensino, e o BNG fará todo o posíbel para resolver a situación denunciada polo alumnado de Miño e as súas familias”, concluíu.