O BNG de Miño denuncia que a Xunta deixa novamente sen solución a cuberta do CPI Castro Baxoi, malia as reclamacións reiteradas do grupo nacionalista

Alberte G. Nicolás: “Desde o BNG levamos tempo esixindo que se acometa esta obra, a través de iniciativas no pleno municipal como no Parlamento de Galiza, neste caso, da man de Mercedes Queixas. O que está facendo o PP non é só abandono, é un desprezo en toda regra á educación pública”

O BNG de Miño denuncia que a Xunta deixa novamente sen solución a cuberta do CPI Castro Baxoi, malia as reclamacións reiteradas do grupo nacionalista

Miño, 27 de xuño de 2025. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades continúa sen dar resposta á situación da cuberta do patio do CPI Castro Baxoi, unha infraestrutura básica para o desenvolvemento das actividades educativas e de lecer do alumnado, especialmente nos días de choiva. O BNG denuncia que, malia palabra dada no ano 2023 polo Secretario Xeral Técnico da Consellería, Manuel Vila, ao anunciar que a unidade técnica da Consellería estaba analizando os problemas detectados e mesmo comprometeu actuacións para aquel verán, a realidade é que transcorreron dous veráns consecutivos —2023 e 2024— sen ningún tipo de intervención, desaproveitando os períodos non lectivos nos que estas obras poderían acometerse sen afectar ao curso escolar.

Agora, segundo vén de confirmar o propio alcalde de Miño nunha interpelación do BNG, a Xunta de Galiza non ten intención ningunha de acometer a reparación ou substitución da cuberta no presente verán, prolongando así unha situación de deterioro coñecida, recoñecida e deliberadamente ignorada pola administración galega.

Para o BNG de Miño, esta falla de compromiso e responsabilidade institucional supón unha falta de respecto directa á veciñanza e á comunidade educativa, que leva anos denunciando o estado desta infraestrutura e demandando unha solución que nunca chega.

Para o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, “o único que fixo a Xunta até agora foi enganar e marear, facendo anuncios que nunca se concretan e faltando ao respecto ás familias, ao profesorado e ao propio alumnado. A situación da cuberta é coñecida desde hai anos e a Consellería non ten desculpa para seguir sen actuar”.

“Desde o BNG levamos tempo esixindo que se acometa esta obra, a través de iniciativas no pleno municipal como no Parlamento de Galiza, neste caso, da man de Mercedes Queixas. O que está facendo o PP non é só abandono, é un desprezo en toda regra á educación pública”, engadiu.

O BNG de Miño urxe á Xunta de Galiza a incluír de inmediato esta actuación nas súas previsións e a executar a reparación integral da cuberta canto antes, sen máis escusas nin dilacións para non repetir “esta situación vergoñenta” ao remate do curso 25-26. “A educación pública merece investimentos reais, non anuncios baleiros nin promesas incumpridas”, concluíu Alberte G. Nicolás.

O BNG de Miño denuncia que a Xunta deixa novamente sen solución a cuberta do CPI Castro Baxoi, malia as reclamacións reiteradas do grupo nacionalista