O BNG solicita a ampliación de horarios e mellora do servizo de transporte por estrada en Miño

Alberte G. Nicolás: “Desde o ano 2020, cando a UTE Hércules Norte pasou a facerse cargo das liñas que atravesan o noso concello, as usuarias deste servizo, que até o momento funcionaba adecuadamente, viron como empeoraba”

“Non é de recibo que se manteñan estas carencias nun municipio que ten experimentado un crecemento poboacional constante e que forma parte da área de influencia de cidades como A Coruña ou Ferrol”, abunda o portavoz nacionalista

O BNG solicita a ampliación de horarios e mellora do servizo de transporte por estrada en Miño

Miño, 20 de xuño de 2025. O BNG de Miño defenderá unha iniciativa no pleno ordinario do vindeiro luns co fin de facer fronte común e esixir da Xunta de Galiza a ampliación de horarios e a mellora do servizo de transporte por estrada que se presta na localidade.

O portavoz nacionalista, Alberte G. Nicolás, lembra que “desde o ano 2020, cando a UTE Hércules Norte pasou a facerse cargo das liñas que atravesan o noso concello, as usuarias deste servizo, que até o momento funcionaba adecuadamente, viron como empeoraba”.

O BNG de Miño, a pesar da modificación feita no ano 2022, sostén que as liñas de autobús que comunican Miño cos principais núcleos da contorna –nomeadamente Betanzos, A Coruña, Ferrol e Pontedeume– continúan a acumular queixas, tanto polas frecuencias como polos horarios. “É habitual ver que, ante a ausencia de servizos en diferentes franxas horarias, moitas persoas vense obrigadas a recorrer ao vehículo privado ou a depender doutras persoas para desprazarse”, lamenta o nacionalista. 

“O PP, a través da Xunta de Galiza, non está a garantir a mobilidade da poboación en termos de igualdade, seguridade e eficiencia, especialmente no ámbito rural, mediante servizos axeitados e adaptados ás necesidades da cidadanía que debe desprazarse para motivos tan diversos como os de asistir a aulas, a citas médicas, a postos de traballo ou para desfrutar do seu tempo libre”, sinala Alberte G. Nicolás.  “Non é de recibo que se manteñan estas carencias nun municipio que ten experimentado un crecemento poboacional constante e que forma parte da área de influencia de cidades como A Coruña ou Ferrol”, concluíu.

Dentro dunha problemática xa xeneralizada, a fronte nacionalista demanda que a Xunta de Galiza debe atender as necesidades da poboación e non só os intereses das grandes concesionarias, cuns servizos inzados de incumprimentos tales como a falta de puntualidade, a eliminación de servizos, o cambio inxustificado de itinerarios ou, nalgúns casos o mal estado dos vehículos.

Neste contexto, o BNG miñense considera necesario que a Xunta de Galiza acometa unha mellora integral do servizo de transporte por estrada en Miño, ampliando frecuencias, mellorando horarios e garantindo conexións eficientes cos centros de estudo, traballo e servizos da contorna.

O BNG solicita a ampliación de horarios e mellora do servizo de transporte por estrada en Miño