O BNG critica a decisión do PP de amortizar 7 prazas municipais sen valorar alternativas para reforzar servizos públicos
Estefanía Busto: “Suprimir prazas sen estudar outras posibilidades compromete a calidade dos servizos”
Oza-Cesuras, 3 de xullo de 2025. O Bloque Nacionalista Galego lamenta a decisión do goberno local do PP de amortizar 7 prazas vacantes na Relación de Postos de Traballo do Concello, un recorte que afecta a servizos básicos e que foi aprobada unicamente cos votos do PP, a pesar das 84 alegacións presentadas durante o período de exposición pública, entre elas as presentadas polo propio BNG.
Para a portavoz nacionalista, Estefanía Busto, “resulta incomprensíbel que o PP opte pola vía rápida, suprimindo prazas sen tan sequera valorar a posibilidade de adaptar ou reconverter algunha delas para reforzar outros servizos municipais”. “Ademais, o goberno municipal non garante que todos os servizos afectados continuarán a prestarse”, engadiu.
A amortización afecta a postos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), limpeza e educadora familiar. Neste último caso, Busto subliñou que o servizo prestábase de xeito efectivo, tal e como acredita o recente despido improcedente da educadora, polo que “a súa supresión carece de sentido e prexudica un servizo clave para familias en situación vulnerable”.
No caso das prazas de axuda no fogar e limpeza, aínda que actualmente os servizos están externalizados e as prazas permanecían vacantes, o BNG considera un erro estratéxico renunciar a elas. “Amortizalas agora limita a posibilidade de recuperar no futuro unha xestión directa, que podería ser máis eficiente e máis beneficiosa para a veciñanza”, explicou a portavoz.
As alegacións presentadas polo BNG tamén advertían do impacto social e económico destas amortizacións, así como da ausencia dunha análise económica clara sobre o suposto aforro que se pretende conseguir.
Por todo isto, o BNG instaba ao goberno municipal a desistir desta proposta, a estudar alternativas que garantan a continuidade e mellora dos servizos públicos e a incluír as prazas nas próximas ofertas de emprego público, nos actuais servizos ou no reforzo de outros.
“Non podemos permitir que se desmantele a estrutura municipal mentres os servizos se resinten e a veciñanza máis vulnerable fica desatendida”, concluíu Busto.