O BNG de Coirós demanda a melloras na insonorización do pavillón polideportivo da Cortella
Pura Ferreño: “Hoxe en día existen distintas solucións técnicas para mellorar a acústica destes lugares utilizando materiais absorbentes que reducen a reverberación e aumentan o benestar”
Coirós, 4 de xuño de 2024.- O BNG demanda solucións para mellorar o confort acústico do pavillón polideportivo da Cortella. “No pavillón polideportivo da Cortella, como noutros edificios deportivos de grandes dimensións e con superficies e materiais altamente reflectantes, o son rebota e perdura no espazo durante moito tempo, xerando molestias e unha mala audición”, indicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.
“A maiores as actividades que se desenvolven nestes edificios son, xeralmente, ruidosas, ocasionando que as persoas que as utilizan, usuarias e monitoras, teñan problemas para comunicarse. Se a isto engadimos a utilización de megafonía e a presenza de espectadoras a situación vólvese enormemente inconfortábel para todas as persoas presentes”, engadiu Pura Ferreño.
“No caso do pavillón da Cortella é unha instalación que tamén se utiliza para actividades musicais e festivas como a Festa das Persoas Xubiladas, Festa do Entroido ou Festivais de Fin de Curso. Nestes momentos, cunha ocupación moi elevada o espazo é manifestamente incómodo desde o punto de vista acústico”, explicou.
“Hoxe en día existen distintas solucións técnicas para mellorar a acústica destes lugares utilizando materiais absorbentes que reducen a reverberación e aumentan o benestar”, informou a voceira nacionalista.
Por todo isto desde o BNG veñen de demandar ao goberno municipal que se estuden as posibilidades existentes para mellorar o confort acústico do pavillón polideportivo municipal da Cortella e que se dote a partida orzamentaria necesaria para acometer as obras ou actuacións necesarias”.