O BNG de Coirós pide ao goberno local que redacte, de forma consensuada có sector, un regulamento para o servizo de taxis
Pura Ferreño: “Trasladamos ao goberno local as demandas da veciñanza que este verán viron como durante algúns períodos carecían de servizo de taxi”
Coirós, 27 de agosto de 2024.- O BNG de Coirós pide ao goberno local que redacte, de forma consensuada có sector, un regulamento para o servizo de taxis. “En Coirós existe unha elevada porcentaxe de persoas que son altamente dependentes do servizo público de transporte, tanto colectivo como en taxis. Nomeadamente, as persoas con diversidade funcional, problemas de mobilidade ou de idade avanzada, son as que máis utilizan o taxi. Isto da idea da importancia de ter sempre operativa algunha das unidades domiciliadas en Coirós”, explicou a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño.
“A lexislación galega deixa en mans dos concellos todo o relativo a horarios, descansos e vacacións polo que cómpre que desde o concello se tome a iniciativa para dotármonos dunha norma municipal que regule estas cuestións”, engadiu Ferreño. “Trasladamos así ao goberno local as demandas da veciñanza que este verán viron como durante algúns momentos do período de vacacións carecían de servizo de taxi”, informou.
O goberno local debe buscar unha solución para garantir o transporte das veciñas e veciños de Coirós que utilizan este servizo para ir ao médico, á compra ou a trámites administrativos básicos.