Insistimos na necesidade de cubrir o patio de entrada do Centro de Saúde de Coirós

PATIO CENTRO SAUDE

A voceira nacionalista Pura Ferreño reitera a petición de  que o tramo que vai das escaleiras ata a porta de entrada no Centro sexa cuberto para resgardar ás persoas usuarias das inclemencias do tempo e insiste na urxencia desta obra.

Insistimos na necesidade de cubrir o patio de entrada do Centro de Saúde de Coirós

Coirós, 10 de outubro de 2019. O Grupo Municipal do BNG en Coirós ven de presentar unha nova moción para que o goberno municipal inste á Consellaría de Sanidade a cubrir o patio da entrada do Centro de Saúde do municipio para mellorar a seguridade e o benestar das persoas usuarias.

“En varias ocasións ten presentado o BNG propostas para mellorar a calidade do servizo no centro de saúde de Coirós, levando incluso o tema ao Parlamento Galego en marzo de 2014”, indica Pura Ferreño.

Conta tamén que “as denuncias públicas e a presión conxunta có persoal que daquela tivo que facerse cargo do servizo, conseguiron que foran atendidas as cuestión máis graves (falta de material de oficina, acumulación de obxectos varios en boa parte das dependencias, humidades e falta do saneamento adecuado nun edificio dedicado a paliar as nosas doenzas)”.

En Marzo de 2018 o pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG para instar á Consellería a cubrir o patio, “mais o goberno municipal non realizou ningún trámite para que este acordo se materializase” apunta Ferreño.

As nacionalistas tamén presentaron alegacións aos orzamentos de 2019 da Xunta de Galicia para que se incluíra a partida necesaria para acometer esta obra urxentemente. Esta alegación foi desestimada polo goberno do PP, así como outras relativas á dotación de persoal en distintas especialidades no PAC de Betanzos..

Así pois, segundo indican as nacionalistas, este patio exterior que da acceso á entrada, continúa descuberto. “Isto ocasiona que as persoas usuarias deben camiñar 12 m desde as escaleiras ou a cima da rampla ata a porta sen ningún tipo de protección contra a choiva e outros elementos. Isto resulta especialmente grave cando falamos de persoas con mobilidade reducida” explica a voceira nacionalista.

“É por iso que exiximos de novo ao Goberno Municipal que inste á Consellaría de Sanidade a realizar as obras necesarias para cubrir esta zona e así garantir a seguridade e benestar das persoas usuarias”, insiste a voceira nacionalista Pura Ferreño.

Insistimos na necesidade de cubrir o patio de entrada do Centro de Saúde de Coirós