Pedimos que se cubra o patio de entrada do Centro de Saúde de Coirós
As nacionalistas piden que o tramo que vai das escaleiras ata a porta de entrada no Centro sexa cuberto para resgardar ás persoas usuarias das inclemencias do tempo
Coirós, 24 de xaneiro de 2018. O Grupo Municipal do BNG en Coirós ven de presentar unha moción para que o goberno municipal inste á Consellaría de Sanidade a cubrir o patio da entrada do Centro de Saúde do municipio para mellorar a seguridade e o benestar das persoas usuarias.
“En varias ocasións ten presentado o BNG propostas para mellorar a calidade do servizo no centro de saúde de Coirós, levando incluso o tema ao Parlamento Galego en marzo de 2014”, indican as concelleiras nacionalistas.
Conta Pura Ferreño que “as denuncias públicas e a presión conxunta có persoal que daquela tivo que facerse cargo do servizo, conseguiron que foran atendidas as cuestión máis graves (falta de material de oficina, acumulación de obxectos varios en boa parte das dependencias, humidades e falta do saneamento adecuado nun edificio dedicado a paliar as nosas doenzas)”.
Sonia López apunta que “tamén se demandou en reiteradas ocasións a construción de ramplas e a reserva e sinalización de espazos para o estacionamento de vehículos de persoas con dificultade da mobilidade, cuestión que finalmente tamén foi solucionada.”
A día de hoxe o BNG toma de novo a iniciativa para trasladar ao pleno e posteriormente á consellaría de Sanidade unha nova demanda. “O Centro de saúde conta con un patio exterior descuberto que da acceso á entrada. Isto ocasiona que as persoas usuarias deben camiñar 12 m desde as escaleiras ou a cima da rampla ata a porta sen ningún tipo de protección contra a choiva. Isto resulta especialmente grave cando falamos de persoas con mobilidade reducida”, explican.
“É por iso que exiximos que o Goberno Municipal inste á Consellaría de Sanidade a realizar as obras necesarias para cubrir esta zona e así garantir a seguridade e benestar das persoas usuarias”, insisten as concelleiras nacionalistas.