Denunciamos un vertido de pneumáticos no Concello de Coirós en Figueiras
O Grupo Municipal do BNG de Coirós denunciou no día de onte, martes 2 de xaneiro, a existencia dun vertido de pneumáticos no lugar de Figueiras. As nacionalistas reclaman o Concello que investigue a orixe do vertido e que tome medidas para evitar novos vertidos no futuro.
Coirós, 3 de xaneiro de 2018. O Grupo Municipal do BNG de Coirós denunciou no día de onte, martes 2 de xaneiro, a existencia dun vertido de pneumáticos no lugar de Figueiras. As nacionalistas reclaman o Concello que investigue a orixe do vertido e que tome medidas para evitar novos vertidos no futuro.
A voceira nacionalista, Pura Ferreño, conta que tivo coñecemento dun vertido de pneumáticos nun camiño forestal de Figueiras, moi próximo ao Centro de Saúde e da Escola Infantil Galiña Azul. “O vertido en si xa é preocupante, pero é que ademais se produce ao lado dun centro de saúde e un colexio infantil”, declarou a voceira nacionalista.
O grupo nacionalista pregúntase se o goberno local de Coirós ten coñecemento o goberno municipal deste vertido. “Se non o ten”, afirma a portavoz nacionalista, “era ben que o goberno procedese a denunciar a situación de maneira inmediata”, perante un organismo oficial de coidado e protección do medio ambiente. Desde o BNG anuncian que a organización xa puxo os feitos en coñecemento do SEPRONA e reclaman ás autoridades municipais de Coirós que investiguen a orixe do vertido, iniciando, por outro lado, a retirada e limpeza dos pneumáticos da zona.
As nacionalistas lamentan o vertido e a falta de conciencia ambienta da persoa responsábel do vertido, mais pregúntanse acaso se o goberno de Coirós tomou até hoxe algún tipo de medidas para evitar este tipo de vertidos nos nosos montes e estradas forestais. Pola súa parte, as nacionalistas recordan que xa impulsaron no Pleno unha iniciativa para crear un punto limpo supramunicipal, que permita a concellos como Coirós asumir este tipo de servizo, tan necesario, sen esquecer aquilo que para o BNG sería a solución idónea: a creación dun punto limpo comarcal, capaz de centralizar o servizo de recollida de pneumáticos e outros materiais altamente contaminantes. “Infelizmente, non nos conta ningunha xestión do goberno de Coirós para habilitar un punto limpo no noso Concello, nin parece que o PP estea interesado en crear un estrutura similar na nosa comarca”, lamentou Ferreño.