O BNG reclama no Parlamento galego o acondicionamento do Centro de Saude de Coirós
Coirós, 3 de marzo de 2014. O BNG presentou varias iniciativas no Parlamento galego para reclamar o acondicionamento do centro de saúde de Coirós.
O concello de Coirós só conta cun médico que prestaba asistencia sanitaria até hai moi pouco en diversas dependencias ubicadas en diferentes lugares: o Centro de Saúde de Figueiras-Coirós e tres consultorios, na propia casa do concello, en Queirís e Ois, explicou a voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño.
Desde principios de febreiro, concretamente desde o día 6, tras a xubilación do anterior facultativo, que era o actual alcalde de Coirós do PP, incorporouse un novo profesional que presta atención sanitaria centralizada no Centro de Saúde de Figueiras-Coirós, indicou Ferreño. Segundo o Sergas suprimíronse os outros puntos de atención sanitaria para centralizalo no Centro de saúde en Figueiras e así facilitar que a veciñanza non tivera que ir a Betanzos para facer os trámites administrativos. Este centro incorporou un novo posto de persoal administrativo e puxo en marcha tanto o servizo de cita previa como outros servizos administrativos.
Mais feitos estes cambios, atopámonos con que o edificio encóntrase nunhas condicións lamentábeis, xa que máis que un centro de saúde era máis un acumulador de trastos varios, non acordes coas esixíbeis a un edificio público para prestar unha atención sanitaria, explicou a portavoz nacionalista. O edificio ten numerosas humidades e desconchados, non ten unhas condicións de limpeza axeitadas e o mobiliario tampouco responde as necesidades do centro. Faltan tamén dispositivos precisos para atender as novas prestacións administrativas como son impresora de tíckets para citas, explicou Pura Ferreño.
As nacionalistas exixiron tamén que o Sergas dote a este centro de saúde do mobiliario e dos dispositivos precisos para poder prestar tanto a atención administrativa e asistencial nunhas condicións dignas.
Por estes motivos, o BNG reclamou ao Parlamento galego que acometa as actuacións precisas -eliminación de humidades, pintados,...- para o acondicionamento das instalacións do Centro de Saúde de Figueiras-Coirós. Os nacionalistas exixiron tamén que o Sergas dote a este centro de saúde tanto do mobiliario como dos dispositivos precisos para poder prestar tanto a atención administrativa como a asistencial nunhas condicións adecuadas tanto para o persoal como para os doentes que acoden a el.