O BNG presentou onte a súa campaña de apoio ao pequeno comercio e aos produtos galegos
Dentro desta campaña as nacionalistas repartirán dípticos informativos e carteis para os comercios animando ao consumo no pequeno comercio e de produtos galegos así como pegatinas para os agasallos de Nadal entre os comercios de Betanzos e a comarca
Betanzos, 14 de decembro de 2021.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, acompañada de cargos institucionais e membros do BNG de Betanzos e comarca, visitou diversos establecementos comerciais para presentar a campaña Mellor local, mellor galego; aposta polo noso” animando a mercar produto galego e no comercio de proximidade.
Dentro desta campaña as nacionalistas repartirán dípticos informativos e carteis para os comercios animando ao consumo no pequeno comercio e de produtos galegos así como pegatinas para os agasallos de Nadal entre os comercios de Betanzos e a comarca.
A nacionalista afirmou que con esta opción de compra local “contribuímos a reactivar a economía dun sector que xera miles de postos de traballo e ten un efecto dinamizador nas vilas e cidades. Na última crise financeira, dixo, o sector perdeu 3.500 comercios en Galiza, supón o 13% do emprego e o 14% do PIB.
O BNG anima a comprar produto producido aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas e nestes tempos de pandemia, queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, “apostar polo noso, optando por comprar nos mercados, feiras e prazas de abastos, na tenda de barrio, nesa de toda a vida”, recalcou a deputada do BNG.
“Apostemos pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír e apoiar neste momento de crise a un comercio de gran calidade”, concluíu Queixas.
Moción sobre a dinamización do comercio local
Pola súa parte a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, anunciou que defenderá no Pleno unha campaña de apoio ao pequeno comercio e de promoción consumo consciente e responsábel, o comercio xusto e a soberanía alimentar. “O goberno local ten que empezar a escoitar ao sector e deseñar actividades para atraer xente a Betanzos e apoiar aos comerciantes nun momento tan complicado como o que vivimos”, explicou Sánchez.
“Pedimos ao goberno local a poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local, elaborado conxuntamente co sector, coa Corporación e cos axentes sociais, que recolla a plena implementación do centro comercial aberto, a posta en marcha dun banco de locais comerciais ou a posta en marcha dun mercado virtual que permita comprar en Betanzos a través de internet e poñer nas casas do cliente final o produto”, engadiu a portavoz nacionalista.