O BNG na comarca das Mariñas renova o seu Consello Comarcal
A Asemblea Comarcal elixiu a Cristina López como Responsábel Comarcal do BNG nas Mariñas
Cristina López: “poñemos en marcha un novo ciclo no BNG para acadarmos en 2024 o cambio político que Galiza precisa”
Betanzos, 26 de novembro de 2021.- O BNG das Mariñas elixiu onte a súa nova dirección comarcal dentro do proceso da XVII Asemblea Nacional. A responsábel continuará sendo Cristina López, que encabezou a única candidatura proposta polo consello saínte e foi elixida por unanimidade.
O novo consello comarcal composto por persoas que conxugan unha dilatada experiencia nos movemento sociais e institucionais, recolle a pluralidade da organización así como cambios xeracionais coa participación de xente moza.
Acompañan a Cristina López no grupo de dirección Henrique Abraira, Amelia Sánchez, David Carro, Pura Ferreño, Blan García Roel, Estefanía Busto, Manel Pérez, Vanessa Rey, Sergio Boado, Tania Golpe, Carlos Freire e Victor Souza aos que se sumará unha persoa en representación da mocidade de Galiza Nova.
A nova responsábel comarcal, Cristina López, afirmou que o BNG comeza un novo ciclo “o BNG pechou unha etapa e pon en marcha un novo ciclo para acadarmos en 2024 o cambio político que precisa Galiza. “Prometemos moito traballo e moita ilusión nesta nova etapa para facer ao BNG útil para os veciños e veciñas”, engadiu.
Neste senso, Cristina López celebrou a implicación da militancia no proceso asemblear “a militancia do BNG é o seu motor, ela é quen toma as decisións e marca a liña política, todas e todos facemos grande esta organización a que cada día se achega máis xente para transformar o noso país”.