Celebramos o anuncio da próxima exhumación da fosa de Vilarraso
"Aplaudimos a xustiza dunha iniciativa que permitirá identificar e devolver os corpos ás familias. Memoria histórica e xustiza democrática deben ir da man”
Aranga, 14 de abril. No día en que se fai público o comezo das escavacións na fosa común de Vilarraso, no concello de Aranga, por parte da asociación de memoria histórica ARDF, desde o BNG celebran a nova do inicio das excavacións porque “permitirán a identificación de todas as vítimas (apenas o están 29 persoas) e darlles un enterro digno. O mesmo que un querería para si ou para a súa familia”, declaran desde o BNG.
“No BNG reivindicamos que memoria histórica e xustiza democrática vaian da man. Debémosllo a esas persoas que foron asasinadas por acreditar nun réxime de liberdades e que foron vítimas da represión franquista”, declara o responsábel local, Carlos Díaz.
Para a agrupación nacionalista, as escavacións permitirán identificar as persoas enterradas na fosa de Vilarraso e contribuirán á dignificación das vítimas, dando un consolo ás súas familias.
No BNG de Aranga móstranse convencidos de que iniciativas coma esta terían chegado antes se o PP non se tivese oposto a aprobación no Parlamento da Lei galega de memoria histórica, impulsada polo grupo do BNG. “Esta lei tería permitido non só o inicio das excavacións en Vilarraso, senón tamén ter brindado ás familias das vítimas recoñecemento e reparación moral, xurídica e económica”, afirma o portavoz nacionalista.
Desde o BNG recordan que a importancia de ter memoria histórica nun concello como Aranga, onde existe a maior fosa da Guerra Civil, “á que se engade outra fosa, máis pequena, na parroquia aranguesa de Fervenzas, ou a próxima de Santamariña, no veciño concello de Guitiriz”, declara Díaz.