O BNG pide unha reunión da Xunta de Portavoces para dar conta das actuacións en relación co verquido de Pellets e a súa afectación ás praias de Miño
Alberte G. Nicolás: “O goberno ten que demandar a Xunta de Galiza medios -tanto materiais como humanos- para a recollida de pellets, así como máis información e transparencia”
Miño, 12 de xaneiro de 2024. O BNG pide ao goberno que reúna a Xunta de Portavoces para dar conta das actuacións en relación co verquido de Pellets e a súa afectación ás praias de Miño. “Coa crise ambiental máis grave en vinte anos, o PP deixa de novo só ao pobo galego e aplica a mesma estratexia que xa aplicou durante a catástrofe do ‘Prestige’: primeiro ocultando o problema, despois intentando minimizalo, máis tarde responsabilizando a outras administracións e a continuación recorrendo á manipulación e á propaganda informativa”, explicou o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás.
“Desde o BNG de Miño demandamos que a Xunta se poña á fronte do problema e manteña unha actuación coordinada cos concellos, así como un protocolo de actuación e recursos que permitan ás administracións locais axudar nesta catástrofe ambiental”, engadiu.
Nesta liña, o BNG de Miño solicitou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces para coñecer de primeira man a situación que se da nas praias de Miño e as actuacións que está a levar a cabo o goberno municipal. “O goberno ten que demandar a Xunta de Galiza medios -tanto materiais como humanos- para a recollida de pellets, así como máis información e transparencia”, indicou Alberte G. Nicolás.
As nacionalistas pediron que o concello traslade á veciñanza as recomendacións a seguir ante a presenza de pellets, tendo como base o protocolo realizado por ADEGA e que coloque paneis informativos na contorna das praias e recomende o acceso a elas só para efectuar labores de limpeza.
“O concello debe coordinar, xunto con Protección Civil e outras entidades, brigadas de limpeza compostas por voluntarias. E organizar, en colaboración con ADEGA, unhas xornadas de formación para dotar as coordinadoras de instrucións precisas e claras de como se debe actuar para realizar unha limpeza adecuada, como están facendo outros concellos afectados”, indicou o voceiro do BNG.
“A estas xornadas poderá achegarse calquera persoa interesada e, ademais, poderán organizarse de xeito coordinado con outros concellos, como Pontedeume, polo feito de compartir con este a praia de Andaío. As persoas voluntarias están suplindo a inactividade e incompetencia da Xunta e merecen todo o noso agradecemento”, concluíu Alberte G. Nicolás.