Sergio Boado será o candidato do BNG á alcaldía de Irixoa
“Somos a parte máis activa do noso concello e da comarca, cremos que temos moitísimas posibilidades e temos proxectos para dar vida ao noso concello porque nos estamos orgullosos do País e dos sectores produtivos”
Irixoa, 25 de febreiro de 2023.- Sergio Boado, actual concelleiro do BNG en Irixoa, vén de ser elixida candidato á alcaldía pola asamblea local do BNG. Sergio Boado Seoane, propietario dunha granxa dedicada agrogandeiría ecolóxica situada en Lousada da parroquia dos Altos de Verís, onde vive actualmente.
“O BNG presentase cun proxecto pensado para abrir o concello á veciñanza, rematar coa política clientelar e en definitiva, “democratizar” Irixoa”, afirmou o candidato nacionalista. “Nós somos a parte máis activa do noso concello e da comarca, cremos que temos moitísimas posibilidades e temos proxectos para dar vida ao noso concello porque nos estamos orgullosos do País e dos sectores produtivos”, engadiu Boado.
“Presentámonos con ganas e ilusión para rematar cun goberno do Partido Popular que non cre no rural deste País e que está deixando esmorecer o noso concello, do mesmo modo que todos os concellos rurais da comarca, por falta de proxectos e de crer nas nosas posibilidades”, explicou Sergio Boado.
Desde o BNG convidaron a toda a veciñanza a sumarse ao seu grupo de traballo que con ilusión e propostas concretas propón un cambio real para o concello. “No BNG temos un modelo de concello, que está comprobado alí onde gobernamos que funciona e que sabemos que é o cambio que Irixoa precisa, para deixar de ser un concello do rural que perde poboación e carece de servizos e pasar a ser un concello dinámico e con proxectos novidosos”, concliuíu o candidato nacionalista.