O BNG solicitou que se sometan a un novo período de información pública os parques eólicos Felga e Gato
“Este proxecto é completamente diferente ao que no seu día se someteu a exposición pública, o que provoca unha situación de indefensión, polo que solicitamos que a Xunta esixa un novo estudo de impacto e un novo período de información pública. Este estudo deberá ser conxunto para todos estes parques, como recoñecían xa os informes da declaración de impacto do Felga, estase producindo un fraccionamento dos proxectos cando se trata dun único parque eólico que comparte subestación, accesos e liñas de evacuación”
Betanzos, 5 de decembro de 2022.- O BNG solicitou que se sometan a un novo período de información pública os parques eólicos Felga e Gato, despois de que a Consellería de medio ambiente publicara hoxe a declaración de impacto do Parque eólico Gato entre os concellos de Oza-Cesuras e Aranga.
“A través da declaración de impacto publicada hoxe coñecemos que se modifica o proxecto do Parque eólico Gato debido ao seu impacto sobre a necrópole megalítica que provocou mesmo un informe desfavorábel da Dirección Xeral de patrimonio cultural, reducindo o número de aeroxeneradores de 6 a 4, modificando o tamaño destes e os accesos”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“Este proxecto é completamente diferente ao que no seu día se someteu a exposición pública, o que provoca unha situación de indefensión, polo que solicitamos que a Xunta esixa un novo estudo de impacto e un novo período de información pública. Este estudo deberá ser conxunto para todos estes parques, como recoñecían xa os informes da declaración de impacto do Felga, estase producindo un fraccionamento dos proxectos cando se trata dun único parque eólico que comparte subestación, accesos e liñas de evacuación”, engadiu Cristina López.
Desde o BNG criticaron ademais que recoñecendo o tremendo impacto que este megaparque vai ter sobre o patrimonio arqueolóxico e natural, nunha zona proposta para a ampliación da rede natura, se informe favorabelmente. “A final de ano, cando caducarían as autorizacións de conexión á rede e terían que comezar de novo a tramitación, publican as declaracións de impacto deses parques ás presas pensando no beneficio das empresas, neste caso de Greenalia e non en garantir un estudo de impacto que valore realmente a repercusión que estes proxectos van ter na zona”, concluíu.