BNG reclama restituír o horario do transporte público entre Boimorto-Mezonzo-A Coruña ante a modificación que prexudica a un gran número de persoas usuarias
Paulo Ríos trasladou á conselleira de Mobilidade a falta de información por parte das empresas concesionarias
O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos formulou unha pregunta parlamentaria á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez pola modificación horaria do transporte público, o pasado 5 de outubro, na liña de autobús Boimorto-Mezonzo-A Coruña que realiza Autos Rico, dentro da UTE Hércules Norte.
O deputado explicou que o cambio foi trasladado ás persoas usuarias a través duns cartaces nos buses “dous días antes do cambio” provocando un “caos organizativo” ante falta de previsión e transparencia que se ven repetindo nestes continuos cambios de horarios e frecuencias.
Paulo Ríos denunciou que na actualidade “non existe ningún tipo de información de horarios e paradas nas marquesiñas ”como é obrigación das empresas concesionarias.
Este cambio de horarios, dixo, provocou as queixas das persoas usuarias, sobre todo no concello de Abegondo, que viñan utilizando esta ruta para desprazarse á Coruña, un horario que non se adapta aos horarios dos centros de ensino ou das empresas obrigándoas a agardar “case unha hora”.
Cónstanos, dixo o deputado que este cambio provocou queixas ante a Consellería de Mobilidade das persoas usuarias e segundo a información da Xunta se debeu a un axuste de cinco minutos na saída do bus en Boimorto, sen embargo a información que facilitou a empresa concesionaria foi o cambio reponde á demanda das propias usuarias, engadiu o nacionalista.
A xuízo do deputado, a esta situación súmase “á supresión da liña Arzúa-Mesía-A Coruña no novo Plan de Transporte e as modificacións nas paradas que veñen sufrindo as usuarias e usuarias de Abegondo”.
Poder optar a un servizo de transporte público útil para a veciñanza é fundamental para impulsar unha modalidade de transporte colectivo que repercute positivamente dende o punto de vista económico, social e ambiental e criticou que as mudanzas e os axustes nos horarios poden beneficiar a uns usuarios e usuarias e prexudicar a outras polo que a Xunta debe velar por facer os axustes necesarios co fin de acadar un servizo máis útil para a veciñanza, valorando o prexuízo que se pode producir nalgún outro punto da ruta e tentando buscar un equilibrio.
“Actualmente atopámonos con que o axuste notificado por Mobilidade non se verifica na realidade, e que debido a esta mudanza baixou a demanda e o uso desta liña, pasando nalgúns casos de precisar un minibús fronte ao vehículo que se viña utilizando”.
Dende o BNG queremos saber que van facer para recuperar a normalidade no horario desta liña no Concello de Abegondo á hora de utilizar o transporte público por estrada para ir A Coruña para acudir ao seu centro de traballo, aulas ou calquera tipo de xestión administrativa ou sanitaria.
Pola súa parte, a conselleira Ethel Vázquez respondeu ao deputado que os cambios realizados responden a peticións de persoas usuarias ao que o deputado replicou que hai reclamacións no sentido contrario que tamén deben terse en conta á hora de planificar os novos horarios. Ríos lamentou a actitude da conselleira e a súa negativa a tentar buscar un consenso para resolver os prexuízos causados pola modificación horaria do transporte público.