O BNG repartiu esta mañá na feira información sobre as súas alternativas fronte á crise de prezos
O BNG desenvolverá un acto público no que se explicarán as alternativas nacionalistas o vindeiro venres, 2 de decembro ás 20:30 no salón azul do Edificio Liceo no que contarán coas intervencións de: Icía Abraira, integrante de Galiza Nova; Amelia Sánchez, portavoz do BNG e Mercedes Queixas, deputada do BNG no Parlamento galego
Betanzos, 30 de novembro de 2022.- O BNG repartiu esta mañá na feira información sobre as súas alternativas fronte á crise de prezos. “É insoportable que as grandes corporacións enerxéticas ou da banca sigan enchéndose os petos mentres os demais temos que estar a pagar máis pola nosa vivenda, a luz ou a cesta da compra”, indicou a portavoz nacionalista.
Neste senso, salientou que “cómpre formular alternativas para actuar en defensa das maiorías sociais, que permitan unha saída xusta e digna a esta crise e un cambio estrutural da nosa economía”.
Por todo isto, o BNG desenvolverá un acto público no que se explicarán as alternativas nacionalistas o vindeiro venres, 2 de decembro ás 20:30 no salón azul do Edificio Liceo no que contarán coas intervencións de: Icía Abraira, integrante de Galiza Nova; Amelia Sánchez, portavoz do BNG e Mercedes Queixas, deputada do BNG no Parlamento galego.
“Algunhas das medidas que propoñemos para combater este contexto son: incrementar a presión fiscal ás grandes empresas e patrimonio coa persecución da fraude fiscal, o impulso á mocidade, ás PEME’s, a intervención no mercado eléctrico e o da vivenda, entre outras medidas, que teñen por obxectivo dotar a Galiza dunha alternativa á política de austeridade e os recortes do Partido Popular”, explicou a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez
Ademais, desde o BNG animaron a participar na manifestación convocada o vindeiro 18 de decembro en Compostela. “Convidamos a todas aquelas persoas a que escoiten as nosas alternativas e se mobilicen co BNG este 18 de decembro en Compostela para que saiamos desta crise reforzados cunha sociedade máis xusta e próspera”, concluíu Sánchez.