O BNG mostrou a súa satisfacción pola declaración de impacto ambiental desfavorábel ao parque eólico Fontella
“Na súa declaración de impacto a Consellería ven dar a razón ao BNG nas alegacións que presentamos nas que advertimos do altísimo impacto deste macroparque sobre o patrimonio natural e cultural, como deixan constancia os informes desfavorábeis das direccións xerais de patrimonio natural e de patrimonio cultural”
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou unha iniciativa no Parlamento o pasado mes pedindo que se estude conxuntamente o estudo de todos estes parques eólicos así como doutros ubicados na mesma zona e que comparten as mesmas estruturas de evacuación
Betanzos, 4 de xaneiro de 2023.- O BNG mostrou a súa satisfacción pola declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel ao parque eólico Fontella, que se publicou hoxe. “Este parque eólico é un dos 3 da empresa Galenergy no Monte do Gato e forma parte do macroparque proxectado nesta zona, concretamente o Parque Eólico Fontella entre os concellos de Aranga e Oza-Cesuras”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“Na súa declaración de impacto a Consellería ven dar a razón ao BNG nas alegacións que presentamos nas que advertimos do altísimo impacto deste macroparque sobre o patrimonio natural e cultural, como deixan constancia os informes desfavorábeis das direccións xerais de patrimonio natural e de patrimonio cultural”, engadiu a responsábel do BNG das Mariñas.
“Este parque eólico está situado no Monte do Gato, na mesma zona que os dous de Greenalia, Felga e Gato, que informaron favorabelmente o pasado mes despois de introducir modificacións substanciais nos propios proxectos que se someteran a información pública”, lembrou Cristina López. Por todo isto desde o BNG insistiron na necesidade nun estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos proxectados no Monte do Gato.
“Todas as DIA recoñecen que hai unha fragmentación dos proxectos e a Xunta non pode ignoralo e seguir as tramitacións independentes e modificar os proxectos sen esixir unha nova exposición pública para que a veciñanza afectada os coñeza e poida presentar alegacións”, engadiu.
Iniciativa no Parlamento
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou unha iniciativa no Parlamento o pasado mes pedindo que se estude conxuntamente o estudo de todos estes parques eólicos así como doutros ubicados na mesma zona e que comparten as mesmas estruturas de evacuación. Asemade, Queixas instou á Xunta a denegar a autorización a estes proxectos “que carecen dun estudo conxunto e detallado do seu posíbel impacto global na zona”.