O BNG apoia a mobilización convocada pola coodinadora Eólica Así Non para o vindeiro domingo 11 de decembro
“É necesario un ordenamento xusto sobre o territorio, non podemos continuar con este ordenamento voraz contra o noso territorio, precisamos unha moratoria real na concesión de autorización de parques eólicos e un novo plan eólico baseado nas necesidades reais de produción e non no beneficio para as grandes empresas eléctricas”
Betanzos, 9 de decembro de 2022.- O BNG apoia a mobilización convocadas pola coodinadora Eólica Así Non, da que o BNG forma parte, para o vindeiro domingo 11 de decembro ás 12 horas no encoro de Cecebre, en Abegondo. “Co motivo do Día Internacional das Montañas, diferentes colectivos sociais, políticos e sindicais organizan por todo Galiza concentracións en defensa dun desenvolvemento da enerxía eólica de forma xusta e non depredadora, e polo tanto, en defensa do territorio”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“A comarca atópase no punto de mira das grandes corporacións enerxéticas para instalar diferentes parques eólicos como os 6 previstos no Monte do Gato ou os que se proxectan na zona de Curtis, Vilasantar e Cesuras, producindo graves consecuencias para o desenvolvemento económico como a destrución medioambiental desta zona”, engadiu a responsábel do BNG.
“O Patrimonio tanto cultural como natural co que contamos é inmenso, coa chegada destes macroproxectos o que farán é destruílo e pór en perigo o potencial gandeiro de moitas explotacións que se ven afectadas directamente”, sinalou Cristina López.
“É necesario un ordenamento xusto sobre o territorio, non podemos continuar con este ordenamento voraz contra o noso territorio, precisamos unha moratoria real na concesión de autorización de parques eólicos e un novo plan eólico baseado nas necesidades reais de produción e non no beneficio para as grandes empresas eléctricas”, engadiu.
Por isto, desde o BNG animan á veciñanza a participar na concentración que se celebrará o domingo ás 12 h para frear a especulación do territorio coa produción eólica.