O BNG lanzou de novo onte a campaña “Mellor local, mellor galego” de aposta polo comercio de proximidade
Dentro desta campaña as nacionalistas repartirán dípticos informativos e carteis para os comercios animando ao consumo no pequeno comercio e de produtos galegos así como pegatinas para os agasallos de Nadal entre os comercios de Betanzos e a comarca
Betanzos, 14 de decembro de 2022.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, acompañada de cargos institucionais e membros do BNG de Betanzos e comarca, visitou diversos establecementos comerciais para presentar a campaña Mellor local, mellor galego animando a mercar produto galego e no comercio de proximidade.
Dentro desta campaña as nacionalistas repartirán dípticos informativos e carteis para os comercios animando ao consumo no pequeno comercio e de produtos galegos así como pegatinas para os agasallos de Nadal entre os comercios de Betanzos e a comarca.
A nacionalista afirmou que con esta opción de compra local “contribuímos a reactivar a economía dun sector que xera miles de postos de traballo e ten un efecto dinamizador nas vilas e cidades. Malia a importancia do sector, en Galiza pecharon 8.500 comercios locais até 2020, ante a incompetencia dun Goberno do PP “que nos orzamentos de 2023 destina dez millóns de euros menos que en 2009”, criticou a nacionalista.
O BNG anima a comprar produto producido aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas , “queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, apostar polo noso, optando por comprar nos mercados, feiras e prazas de abastos, nas tendas dos barrios”, recalcou a deputada do BNG.
“Apostemos pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír e apoiar neste momento de crise a un comercio de gran calidade”, concluíu Queixas.
Pola súa parte a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, pediu ao goberno actuacións para dinamizar o comercio local. “O goberno local ten que empezar a escoitar ao sector e deseñar actividades para atraer xente a Betanzos e apoiar aos comerciantes”, explicou Sánchez.
“Pedimos ao goberno local a poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local, elaborado conxuntamente co sector, coa Corporación e cos axentes sociais, que recolla a plena implementación do centro comercial aberto, a posta en marcha dun banco de locais comerciais ou a posta en marcha dun mercado virtual que permita comprar en Betanzos a través de internet e poñer nas casas do cliente final o produto”, engadiu a portavoz nacionalista.