O BNG denuncia novos episodios de inundacións na zona de Montecelo
Desde o BNG demandaron que se leven a cabo as actuacións precisas para minimizar o risco de inundación na zona, algo que propuxeron nos últimos orzamentos municipais
Tamén chamaron a atención sobre unha nova caída de parte do muro do Pazo das Margaridas, en Santa Marta
Bergondo, 28 de decembro de 2022.- O BNG denuncia novos episodios de inundacións na zona de Montecelo, na parroquia de Bergondo, a pasada fin de semana. "A veciñanza e o BNG levamos xa varios anos reclamando actuacións nesta zona na que xa se teñen producido anegamentos con anterioridade ", indica o portavoz do BNG David Carro.
"Esta pasada fin de semana produciuse un novo episodio de asolagamentos. A veciñanza non pode estar en vilo cada vez que chove forte. Como está a pista agora mesmo, as pluviais non se recollen e anegan os garaxes das vivendas", expuxo Carro.
Desde o BNG demandaron que se leven a cabo as actuacións precisas para, cando menos, minimizar o risco de inundación na zona, algo que propuxeron nos últimos orzamentos.
Pazo das Margaridas
O BNG chamou tamén a atención sobre unha nova caída de parte do muro do Pazo das Margaridas, en Santa Marta, unha construción xa polémica nos últimos anos.
“O novo novo derrubamento produciuse por unha falta total de mantemento, cos prexuízos que iso causa a veciñanza máis próxima, cando aínda non esta amañada a anterior caída. O goberno local debe actuar con dilixencia neste tema para solucionalo canto antes", concluíu o portavoz nacionalista.