Reclamamos un centro de día e un xeriátrico públicos en Aranga
“Sen esperar a Xunta, concellos como Aranga poden cooperar con outros da súa contorna para crear servizos que permitan a conciliación a nivel comarcal. Isto permitiría asegurar financiamento e adaptalos ás necesidades reais do noso concello"
Aranga, 26 de marzo. O BNG de Aranga critica a pasividade do goberno local en materia social e propón, de acordo co BNG comarcal, a creación dunha mancomunidade dos concellos das Mariñas que permitirá comarcalizar servizos sociais, contribuíndo a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e estender os servizos públicos ao conxunto da poboación de Aranga, en especial dos seus maiores, que cobran as pensións máis baixas da comarca.
Desde o BNG valoran as promesas do goberno local dunha Casa Niño e unha Casa do Maior como “parches” e reclaman para Aranga “unha auténtica política social”. “Os anuncios a bombo e platillo do PP non van solucionar os problemas de Aranga. Fan falta máis recursos, dar una resposta coherente a un problema, sen improvisar por motivos electorais”, afirma o candidato do BNG, Carlos Díaz.
“Sen esperar a Xunta, concellos como Aranga poden cooperar con outros da súa contorna para crear servizos que permitan a conciliación a nivel comarcal. Isto permitiría asegurar financiamento e adaptalos ás necesidades reais do noso concello. Desde a Deputación, o BNG xa está a asegurar a atención ás persoas dependentes de Aranga”, afirmou a modo de exemplo o porta-voz nacionalista. Nese sentido, o BNG lamenta a falta de influencia do goberno local, que “permite coa súa inacción o deterioro dos servizos sanitarios e educativos.
O BNG reclama un centro de día e un xeriátrico públicos
“Nun concello como Aranga, onde as pensións son as máis baixas da comarca apostar polos centros públicos de atención á dependencia é unha cuestión de xustiza social. A comarcalización dos servizos é a fórmula idónea para asumir os custos da creación destas infraestruturas”, explicou Carlos Díaz, portavoz do BNG.
“Os nosos maiores teñen dereitos. Non só necesitan cocidos e excursións. Hai necesidades que atender e algo fundamental é mellorar a xestión de servizos como a axuda ao fogar, privatizada polo goberno local”, engadiu o portavoz nacionalista.
As privatizacións dun servizo á poboación dependente, como é o caso da axuda no fogar “son una fonte de corruptelas e un exemplo de ineficacia no gasto público” para a formación nacionalista. Nese sentido lembran que a axuda ao fogar a paga integramente a deputación, pero o servizo é prestado por unha empresa privada. “Se se xestionase directamente polo concello, crearíamos emprego de calidade, ademais de prestar un mellor servizo”, defende Díaz.
Os nacionalistas consideran que a saúde dos maiores debe estar ligada á actividade e a integración comunitaria
O BNG entende que a política social non é apenas sinónimo de infraestruturas, senón tamén de servizos, polo que prometen melloras na mobilidade, con “taxis adaptados e ou subsidiados e obras de accesibilidade en edificios públicos”, promete Díaz.
“Desde o Concello podemos facer moito por mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, ofrecendo monitores de ximnasia para a terceira idade e tirando un maior partido dos parques biosaludábeis actualmente abandonados. Ofreceremos tamén servizos de podoloxía ou fisioterapia itinerantes nos centros sociais”, propoñen desde o BNG.
Ademais, a formación nacionalista quere crear bailes nos centros sociais e incentivar a recuperación da cultura popular aranguesa. “Sería unha maneira de poñer en valor o patrimonio inmaterial que atesouran os nosos maiores e un xeito de valorar tamén a súa grande achega á sociedade”, concluíu Díaz.