QUEREMOS ACTIVAR A NOSA ECONOMÍA APOIANDO DESDE O CONCELLO OS SECTORES PRODUTIVOS DE ARANGA. A VARIEDADE AUTÓCTONA DO MILLO DE ARANGA ACHEGA NOVAS POSIBILIDADES DE DINAMIZACIÓN ECONÓMICA AO CONCELLO

O millo de Aranga, unha oportunidade para o desenvolvemento económico do concello

BNG; 
Aranga;
17-novembro-2018

Poremos en marcha a primeira festa gastronómica en Aranga, centrada na nosa variedade de millo, que dotaremos dun selo de calidade, o que xerará un valor económico e contribuirá a poñer Aranga no mapa. Organizaremos ademais encontros que aproveiten a tradición vencella ao produto, rehabilitando muíños para a moenda e as xornadas etnográficas, con foliadas, concurso de esfolla, busca da espiga raíña… todo para poñer en valor a cultura asociada ao millo de Aranga.

O millo de Aranga, unha oportunidade para o desenvolvemento económico do concello

Aranga, 19 de febreiro. Un selo de calidade para o Millo de Aranga, convenios para estimular a súa produción e comercialización, xunto cunha festa gastronómica e un encontro etnográfico. Son algunhas das propostas nacionalistas para dinamizar o potencial produtivo e diversificar a economía aranguesa a partir dun dos recursos agrarios máis característicos do concello, como é o millo.

Un millo  que porá Aranga no mapa

O millo de Aranga é unha variedade autóctona catalogada polo CIAM de Mabegondo, que segundo o BNG o goberno local non está a valorar nin aproveitar, “nin a nivel agrícola nin hostaleiro nin turístico”. O candidato nacionalista lamenta o que para el é unha mostra máis da falta de ideas e dun proxecto de futuro no PP, que o fía todo á “política de asfalto e farolas” e non apoia nin pon en valor todo o gran potencial que ten o concello.

“O millo de Aranga é un símbolo da nosa identidade agraria e todo un motivo de orgullo, porque leva o nome do concello por Galiza adiante e une pasado e futuro de Aranga. Estamos convencidos de que vale a pena apostar nos produtos locais e poñelos ao servizo dunha política económica que dinamice e poña en valor os nosos sectores produtivos, auténtica base para a creación de emprego e por tanto, para o máis desexamos: fixar e recuperar poboación”, declara Díaz.

Festa gastronómica e muiñada

Para apoiar os seus argumentos, o grupo nacionalista pon como exemplo o referente de Bueu e súa a festa do millo corvo, declarada festa de interese turístico e que atesoura xa vinte edicións. “Tamén nós poremos en marcha a primeira festa gastronómica en Aranga, ao redor da nosa propia variedade autóctona e que contribuirá sen dúbida a poñer o concello no mapa”, declara o portavoz nacionalista. Unha festa que, ademais de reunir os veciños e atraer visitantes, quere servir como un programa de dinamización da hostalaría local, a quen se lle animará a desenvolver unha semana de tapas, comidas e sobremesas centradas neste produto. Como complemento a esta iniciativa organizaranse encontros para divulgar esta variedade, as peculiaridades do seu cultivo e o seu potencial aproveitamento gastronómico.

En paralelo, o BNG reivindica tamén a vertente máis etnográfica do millo e anuncia que celebrará unha muiñada, “unha boa maneira de pór en valor o noso patrimonio material e inmaterial e facelo para unir, como dicíamos o pasado de Aranga co seu futuro”, afirman desde o BNG. Os eventos festivos terán ademais outra virtualidade, a de reivindicar e poñer en valor o coñecemento que a propia poboación conserva sobre o ciclo de millo e o seu aproveitamento culinario.

Para a muiñada, o BNG propón a restauración e compra dun dos moitos muíños  do municipio, que sirva non só para moer o gran, “senón tamén como o lugar idóneo para a degustación e recreación das antigas tradicións asociadas ao millo, criando comunidade e fomentando unha identidade en positivo, un orgullo polas raíces”, explica Díaz.

“Celebraremos tamén encontros de produtos agrarios autóctonos para abordar problemáticas comúns e opcións posibles de desenvolvemento. Queremos situar Aranga como un punto de encontro para estas variedades de produtos, das cales hai varios casos na comarca.

“A nosa é sen dúbida unha iniciativa completa, porque é boa para noso agro, para a nosa hostalaría, pode desenvolver o agro turismo, incide no patrimonio material e inmaterial e ademais crea outra cita festiva máis no calendario anual do concello”, afirma o responsábel do BNG, Carlos Díaz.

Un selo de calidade e convenios para dar saída ao produto

O BNG fala tamén de crear un selo de calidade ‘Millo de Aranga”, a semellanza de experiencias similares en Galiza, asociadas por exemplo á produción de aceite de oliva.

“A creación por parte do Concello dun selo de calidade “Millo de Aranga”, ten un duplo propósito: por un lado, impulsar e dignificar a produción dunha variedade de millo autóctona aranguesa, moi resistente á seca e moi produtiva e por outro lado, funcionar como unha marca rexistrada, co obxectivo de controlar a produción e a orixe do millo, evitando as fraudes”.

O selo de calidade, engaden no BNG, será un aval para o millo e os produtos derivados con orixe aranguesa e unha base para o seu maior recoñecemento, co obxectivo último de lograr a consideración de produto con indicación Xeográfica Protexida. O BNG prevé ademais impulsar desde o goberno axudas para a produción da variedade autóctona e promoverá a sinatura de acordos con panaderías de concellos limítrofes, sexa para lles vender a fariña milla, sexa para a elaboración das sobremesas e broas.

“Na gastronomía de Galicia, hai unha serie de produtos moi coñecidos e celebrados. Por que non colocar nesta listaxe o millo de Aranga?”, pregúntase o responsábel nacionalista Carlos Díaz.

“Trátase de aproveitar os recursos xa existentes, para crear sinerxias entre concello, sectores produtivos e hostalaría e conseguir entre todos e todas que o millo de Aranga sexa un motor máis ao servizo da dinamización económica do concello”, conclúe Díaz.

En definitiva, a proposta do BNG conxuga economía produtiva e turismo, patrimonio  material e inmaterial, formación e recuperación do coñecemento colectivo sobre unha variedade de millo autóctona, e aposta por un recurso local exclusivo de Aranga, que  será aproveitado economicamente a partir do apoio do goberno á produción de millo e o sector da hostalaría, impulsando o turismo gastronómico e cultural en Aranga.

O millo de Aranga, unha oportunidade para o desenvolvemento económico do concello