Propuxemos bonificacións na factura da luz para os colectivos máis vulnerables

IMG_20190206_142553_795
O candidato á alcaldía de Aranga, Carlos Díaz, con Manuel Requeixo, alcalde de Muras

Se o BNG goberna en Aranga, os colectivos máis vulnerables poderá obter unha importante bonificación na súa factura da luz. Os concellos gobernados polo BNG demostran que é posible poñer os recursos eléctricos ao servizo do ben común e do desenvolvemento local.

Propuxemos bonificacións na factura da luz para os colectivos máis vulnerables

Aranga, 6 de febreiro de 2019. Na mañá de onte, Manuel Requeixo, alcalde nacionalista de Muras e o candidato do BNG en Aranga, Carlos Díaz, visitaron as instalacións do parque eólico de Cambás no Cordal de Montouto. O grupo nacionalista de Aranga puxo ao goberno de Muras como un exemplo práctico de como os beneficios da produción de enerxía poden poñerse ao servizo da poboación de Aranga, garantindo un dereito fundamental aos colectivos máis vulnerábeis do noso concello”, afirma Díaz.

“Por outro lado”, engaden desde o BNG, “aínda que o goberno municipal non detallou nos seus últimos orzamentos o importe por xeración de enerxía que pagan as empresas, se sumamos o IBI e o IAE repercutido ao canón eólico (na orden dos 40.000 euros anuais) e engadimos fondos propios, a cantidade podería alcanzar para financiar unha importante bonificación na factura da luz, na orde do 20% do recibo”, asegurou Carlos Díaz.

Sen chegar aos números de Muras, en Aranga hai unha produción de enerxía renovable non desdeñable: 74.225 Kw en tres saltos de auga, un punto de xeración de enerxía con biomasa e tres parques eólicos, que teñen previsto aumentar a potencia, e que xustificaría, en opinión do BNG, “unha suba do aluguer dos terreos e por tanto maiores ingresos para o concello”, argumenta o portavoz nacionalista en Aranga Carlos Díaz.

O portavoz do BNG en Aranga, Carlos Díaz, lembra que goberno local debe traballar “para e pola veciñanza”e cre que é hora de reverter a riqueza procedente dos muíños eólicos nos petos dos veciños e veciñas do municipio, a través da bonificación do consumo doméstico, para garantir en definitiva un “dereito fundamental como é a subministración eléctrica nos fogares”, afirma Díaz.

O grupo nacionalista fai números e insiste en que “as contas saen”. Desde a formación nacionalista defenden que se se suman ingresos polo canon eólico e os fondos propios sería posíbel “abaratar un 20% a factura da luz da veciñanza”:

“En Aranga hai 1108 familias. Aínda que todas as familias de Aranga recibisen a bonificación máxima de 30€ por mes (proposta por nós apenas para colectivos vulnerables), o Concello destinaría 33.240€/mes e 398.880€ /ano a bonificacións da factura da luz, o que non é tanto se temos en conta que agora mesmo estamos destinando 95.733,45€/anuais só aos salarios do equipo de goberno, e todo isto nun concello de menos de 1900 habitantes. Onde están nas prioridades? Nos dereitos básicos ou en pagar dedicacións exclusivas? Nós temos claro que a prioridade está na veciñanza”, declara o portavoz nacionalista.

“Estamos a falar de redistribución da riqueza e de xustiza social: Aranga ten riqueza e esa riqueza ten que revertir na veciñanza. Unha maneira clara é que o recibo da luz sexa máis barato, financiando bonificacións cun tope máximo e por tramos. A nosa proposta estaría destinada a colectivos especialmente vulnerables do concello, como desempregados, pensionistas da agraria ou mesmo familias numerosas, en función dos ingresos para asegurar que van parar aos fogares con menores ingresos”, explicou Díaz.

“Aranga ten un enorme potencial na xeración de enerxía, sexa eólica, hidroeléctrica ou de biomasa, pero apenas redunda no beneficio da xente. No BNG estamos convencidos de que ben xestionada a produción enerxética pode reportar importantes ingresos nas arcas municipais e en definitiva, no peto dos veciños e das veciñas, contribuíndo a acabar coa denominada “pobreza enerxética” no noso concello”, remata Díaz.

Propuxemos bonificacións na factura da luz para os colectivos máis vulnerables