Asistimos á concentración diante do PAC de Teixeiro contra a falta de persoal e recursos para a atención primaria
O BNG anunciou que trasladará esta situación de novo ao parlamento galego e esixirá a cobertura das baixas e vacacións do persoal, así como persoal abondo para dar un servizo digno á poboación destes concellos
Teixeiro, 27 de xaneiro de 2019. O BNG asistiu esta mañá á concentración diante do PAC de Teixeiro contra a falta de persoal e recursos para a atención primaria que convocaba o persoal do propio PAC. Á concentración asistiron o portavoz do BNG de Aranga, Carlos Díaz, así como representantes do BNG de Vilasantar, Curtis e Sobrado e doutros concellos da comarca acompañados polo deputado do BNG no Parlamento, “Mini” Rivas Cruz.
“É intolerábel a situación en que o PP ten a sanidade nos catro concellos – Curtis, Vilasantar, Sobrado e Aranga- que dependen deste PAC, cunha evidente falta de persoal que ademais non se substitúe nas baixas nin nas vacacións e que queda sen atención sanitaria cando o persoal ten que saír a visitas domiciliarias”, afirmaron desde o BNG.
Os nacionalistas lamentaron que “a pesar de que segundo afirmou o goberno local de Curtis no mes de agosto, estaban negociando a varias bandas máis persoal para o PAC, o PP non cumpriu a súa palabra e situación é exactamente a mesma”.
Desde o BNG lembraron que desde o ano 2008 levan trasladando esta demanda ao Parlamento galego e que “o PP sendo consciente da situación segue mantendo nunha situación precaria o servizo médico nos concellos de Aranga, Vilasantar, Curtis e Sobrado que dependen deste PAC. Os veciños e veciñas do rural temos dereito a ter os mesmos servizos que os que viven nas cidades, se queremos manter poboación nos concellos rurais temos que ter uns servizos de calidade”.
O BNG anunciou que trasladará esta situación de novo ao parlamento galego e esixirá a cobertura das baixas e vacacións do persoal, así como persoal abondo para dar un servizo digno á poboación destes concellos.