Denunciamos o illamento da parroquia de Feás
“En Feás están sen traída municipal, sen conexión á rede de sumidoiros, non hai liñas de autobuses e tampouco vai internet. A veciñanza di sentirse abandonada polo goberno e illada do resto do concello. Propoñemos optimizar os recursos do parque móvil do Concello, estabelecendo liñas fixas de bus, priorizando a quen non dispón de vehículo particular e non pode asumir o custo de viaxes habituais en taxi. O goberno local está para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e debería ter algo máis de ansia por axudar, por asesorar de maneira activa a quen quere vivir e emprender en Aranga”.
Aranga, 23 de xaneiro. Días despois de transcender a reunión do BNG coa veciñanza da parroquia de Fervenzas, a formación nacionalista informa da reunión mantida o pasado fin de semana con veciños e veciñas da parroquia de Feás. O BNG afirma que a veciñanza lles transmitiu a súa preocupación polo abandono por parte do goberno local e das demandas veciñais de melloras nas comunicación (pistas, liñas de autobús, internet), ademais das habituais peticións de reformas no colexio da Castellana.
A importancia das comunicacións
O candidato do BNG á alcaldía, Carlos Díaz, informa que a veciñanza de Feás “está farta, como en Fervenzas, do abandono por parte do goberno local” e reclaman un mantemento das pistas parroquiais. Algúns veciños recordan os accidentes rexistrados meses atrás pola falta de mantemento nas pistas deterioradas ao seu modo de ver polo traballo de maquinaria pesada.
“A veciñanza reclama que se controle o traballo da maquinaria no monte e que faga cumprir a ordenanza de tala para evitar a rápida deterioración das pistas. As veciñas están convencidas de que en Aranga non se aplica a lei forestal e que non se aplican as sancións por non respectar as distancias das plantacións respecto ás casas. Sería ben que o gobernador non mira outro lado neste tema e concilie o proveito económico co benestar dos veciños e das veciñas de Feás”, declarou o portavoz do Bloque.
Sen servizos, non haberá poboación
Onde tamén fan fincapé o BNG é na necesidade de garantir servizos á veciñanza de Feás, como unha maneira de fixar a pouca poboación que reside toda a semana na parroquia:
“As veciñas e os veciños coméntannos que as comunicacións son malísimas, din vivir no século XIX; sen traída municipal, sen conexión á rede de sumidoiros, non vai tampouco internet e coinciden con nós ao demandar reformas urxentes no colexio da Castellana. Síntense indefensos e con menos servizos que noutras zonas de Aranga”, afirma Díaz.
“Feás, a pesar de estar ao lado dunha nacional e da autovía, ten un grave problema de transporte e mobilidade que non se soluciona botando grava nas pistas nin co transporte escolar da Xunta, que obviamente non funciona durante a semana e non cobre nin sequera as principais zonas do Concello. A mobilidade da poboación de Feás está severamente limitada”, denuncia Díaz.
O BNG propón, nese sentido, sacar un maior partido aos vehículos do Concello estabelecendo liñas fixas para permitir desprazamentos habituais á capital comarcal para acudir ao médico ou ás compras.
“É unha demanda insistente en Feás e cremos que seguramente de toda Aranga. O goberno local ten que moverse para mellorar a calidade de vida da xente, sobre todo daqueles con menos medios, que non poden permitirse un taxi para desprazamentos necesarios e habituais”.
O clientelismo prexudica a toda a veciñanza
Desde o Bloque, poñen de relevo na pésima imaxe que ten na parroquia o goberno local e insisten en que o goberno local está a estragar “un paraíso natural”, que se debería aproveitar mellorar, investindo para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
“É hora de que se acabe a distinción entre unha Aranga mimada polo goberno local, polo interese en captar o seu voto, e unha Aranga abandonada, cada vez con menos poboación. Todo o mundo ten cabida en Aranga, vote a quen vote”, afirma rotundo Díaz.
“O goberno local está para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e debería ter algo máis de ansia por axudar, por asesorar de maneira activa a quen quere vivir e emprender en Aranga. Cada vez somos menos, e francamente, con esta xestión clientelar e este goberno falto de ideas, sen proxecto, perdemos todos. Aranga quédase cada vez máis atrás, denuncia o candidato do BNG.