Propuxemos melloras nas aulas informáticas do Concello
“Non é de recibo dicir que inauguras aulas de informática se a maioría dos ordenadores son reciclados, sen unha boa conexión a internet, sen prestacións e necesitados de continua reparación.”
“É preciso tomarse en serio as subvencións e gastalas con moito tino; é vital investir para mellorar a calidade de vida da veciñanza e non para comprar vontades de cara ás vindeiras eleccións.”
“Pedimos un maior esforzo ao goberno para mellorar a oferta de programas informáticos e de cursos de formación axeitados á demanda dos usuarios e usuarias do servizo”.
“É fundamental ampliar o horario das aulas. Resulta incomprensíbel que despois de facer o investimento non se abran máis de dous días por semana.”
Aranga, 7 de xaneiro de 2019. Semanas despois do fin das reformas nos locais sociais no Toxiño (Cambás) e en Muniferral, a formación nacionalista faise eco das queixas de diferentes usuarios das aulas informáticas, en relación ás súas carencias técnicas e horarias, propondo unha serie de melloras que consideran “beneficiosas e cun baixo custo para un concello que acumula ano tras ano aforro no banco”.
O portavoz nacionalista, Carlos Díaz, próximo candidato á alcaldía, critica o que considera “presas” por inaugurar os locais, e unha “escasa capacidade ou nulo interese” por poñer en marcha uns servizos interesantes e útiles á veciñanza de Aranga. “Podes pintar as aulas, comprar cadeiras novas, pero dentro dun par de meses, será evidente que nin vai internet nin os equipos son potentes”, avisan desde o BNG.
Critican ademais o horario das aulas. Para o grupo nacionalista, é fundamental ampliar horario: “Resulta incomprensíbel que despois de facer o investimento non se abran as aulas máis de dous días por semana; antes había apenas dúas aulas informáticas para todo o concello pero abrían catro días”, criticou Díaz.
“Por desgraza, o goberno local de Aranga tennos acostumado a un modelo de xestión escurantista e clientelar. Este modelo, ademais, é moi ineficaz porque dilapida uns recursos que, ben xestionados, crearían servizos útiles para a nosa veciñanza, especialmente para a xente nova. Aranga precisa servizos, non inauguracións feitas á carreira, pola proximidade das eleccións. Queren esconder agora que este goberno non traballou apenas en tres anos e medio. Pero Aranga precisa xestión, proxecto e non propaganda. Hai que traballar sen pensar tanto nas eleccións”, denuncian desde o Bloque.
Aulas de informática con moitas limitacións técnicas
Desde o BNG cualifican a xestión do goberno local do PP como “un auténtico desastre”. E poñen un exemplo: nos últimos meses do ano puxeron en funcionamento dúas aulas de informática, dotadas con equipamentos obsoletos e prestacións moi limitadas. E sospeitan que a próxima en inaugurarse en Ponte Aranga presente as mesmas deficiencias.
Desde o grupo nacionalista insisten: “de que vale montar aulas con 20 ordenadores que só valen para dar aulas de ofimática?”, pregúntase o portavoz do BNG, Carlos Díaz. O grupo nacionalista pide un maior esforzo ao goberno para mellorar a oferta de programas informáticos e de cursos de formación.
“É preciso tomarse en serio a acción de goberno e gastar as subvencións (sexan da Deputación, da Xunta ou de Europa) con moito tino. Se dispoñemos dunha liña de investimento e pretendemos dar servizo ás diferentes parroquias, fagámolo para mellorar a calidade de vida da veciñanza, non para comprar vontades de cara ás vindeiras eleccións”, aconsella Díaz.
O portavoz do Bloque critica o que considera “clara falta de previsión” na compra de material informático, porque “non permite formar a veciñanza en programas de procesado de imaxe ou maquetación. A nosa mocidade quere aprender a editar videos ou mesmo xogar nas aulas de informática, e non o pode facer porque os equipamentos comprados polo goberno local non teñen uns mínimos requirimentos·.
Unha conexión a internet moi lenta
“Parece incríbel que os responsábeis do Concello non saiban montar unha aula informática útil, cunha conexión de internet axeitada. A velocidade na transmisión de datos, tal e como nolo transmitiron diferentes usuarios, deixa bastante que desexar. Sen unha velocidade de internet axeitada, os ordenadores para pouco serven hoxe en día”, din desde o BNG.
O portavoz nacionalista empraza ao goberno local a “mellorar sen demora o servizo informático” nos tres locais de Ponte Aranga, Muniferral e o Toxiño, adquirindo ordenadores con programas “axeitados á demanda dos usuarios e usuarias do servizo”.
“Non é de recibo dicir que inauguras aulas de informática se a maioría dos ordenadores son reciclados, sen unha boa conexión a internet, sen prestacións e necesitados de continua reparación”. O goberno local parece non ser consciente de que non vale calquera ordenador; ao contrario, parece que para o goberno do PP prima a cantidade, o número de ordenadores e non a súa calidade, a súa utilidade para o público usuario”, remata Díaz.