Carlos Díaz, elixido para liderar a candidatura do BNG en Aranga nas eleccións municipais

BNG; 
Aranga;
17-novembro-2018

“Aranga merece un proxecto de futuro, que pasa por poñer en valor o seu patrimonio, defender e conseguir máis servizos para a veciñanza e abrir as portas do Concello á veciñanza. Unha Aranga aberta e inclusiva, cun grande patrimonio histórico e natural, un lugar para vivir e traballar, esa é a Aranga á que aspira o BNG”

Carlos Díaz, elixido para liderar a candidatura do BNG en Aranga nas eleccións municipais

Aranga, 29 de novembro de 2018. A asemblea local do BNG arangués designou a Carlos Díaz como cabeza de lista da candidatura que a formación nacionalista presentará nas eleccións municipais de 2019. A militancia aposta así pola renovación, ao tempo que presenta elementos de continuidade coas listas anteriores, incluíndo nomes históricos do BNG en Aranga, como Vanesa Deibe ou Ramón Freire.

Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixido, Díaz agradeceu a confianza depositada nel e anunciou que continuará a traballar até a data dos comicios, perfilando o proxecto de Aranga co que van pedir a confianza dos arangueses e das aranguesas en 2019.

“Un bo goberno caracterízase por dúas cousas: ter un proxecto de futuro e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. Aranga, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a perda demográfica do noso Concello, hai que poñelo a funcionar con toda a súa enerxía e a súa potencia”, salientou Díaz.

O candidato lembrou que tras defender “con paixón e argumentos” os intereses da Aranga desde fóra do Concello, ten agora a oportunidade “de traballar polo meu concello dentro da Corporación, por esa Aranga na que vivo desde hai ben anos e na que se criou a miña muller e os meus fillos”, salientou emotivo.

Carlos Díaz avanzou as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír  “unha Aranga con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades, nomeadamente da xente nova que aspira a vivir en Aranga”.

O futuro cabeza de lista e candidato a alcalde afincou o proxecto que propón o BNG en dúas apostas claras: “primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico do concello; segundo, facer da Aranga unha referencia, nas Mariñas e fóra dela, de concello inclusivo, con servizos e orgulloso do seu patrimonio”.

Díaz insistiu ante a militancia e simpatizantes da localidade en que “para facer da Aranga un concello de referencia na comarca e na súa contorna máis inmediata non hai que estar á espera do que se decida noutra parte. Necesitamos un goberno local que saiba ver e mobilizar todo o potencial, a capacidade e os recursos que Aranga xa ten, en favor dun proxecto compartido de concello”. Nesta liña explicou que “a Aranga que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición: a dunha Aranga labrega e gandeira e dotada dun enorme patrimonio histórico e natural”. 

“No BNG sabemos facelo” –insistiu- “e temos exemplos como San Sadurniño, Muras ou Mazaricos que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.

Convencido de que “esta Aranga que propoñemos é máis que posíbel, é desexábel”, o futuro candidato a alcalde polo BNG pediu o apoio activo de toda a veciñanza que arela un cambio.

“É un orgullo encabezar unha candidatura do BNG”, recalcou Díaz, que tamén tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais, ademais dunha lembranza agarimosa para todas as persoas que formaron parte das candidaturas nacionalistas desde 2003.

Carlos Díaz, elixido para liderar a candidatura do BNG en Aranga nas eleccións municipais