Criticamos a negativa do PP a financiar reformas no CEIP da Castellana
O BNG de Aranga denuncia que os orzamentos aprobados en solitario polo PP non inclúen partidas específicas para o seu concello e lamentan que os populares rexeitasen unha serie de propostas de financiamento presentadas polos nacionalistas para realizar para obras e conseguir servizos no seu concello. De entre as emendas, destaca a que reclamaba fondos para a realización de reformas no CEIP da Castellana, que xunto a outras propostas de ámbito comarcal redundaría no beneficio da poboación aranguesa.
Aranga, 18 de decembro. O pasado mes de novembro, o grupo parlamentario do BNG presentaba as súas emendas parciais aos orzamentos autonómicos elaborados polo goberno Feijoo para o exercicio de 2019. O BNG de Aranga denuncia que os orzamentos aprobados en solitario polo PP non inclúen partidas específicas para o seu concello e lamentan que os opopulares rexeitasen unha serie de propostas de financiamento presentadas polos nacionalistas para realizar para obras e conseguir servizos no seu concello. De entre as emendas, destaca a que reclamaba fondos para a realización de reformas no CEIP da Castellana, que xunto a outras propostas de ámbito comarcal teríaredundaría no beneficio da poboación aranguesa.
Emendas de ámbito comarcal que afectan a Aranga
Desde o BNG de Aranga poñen en valor a importancia das emendas para o concello de Aranga: “as emendas propostas terían redundado positivamente no noso concello”, afirmou Díaz, “porque foron pensadas para xestionar de maneira pública e centralizada servizos moi necesarios en Aranga, como é un centro de día, un punto limpo ou o centro de transformación agropecuaria no antigo LIGAL”, explicou o responsábel nacionalista.
Ademais, os nacionalistas arangueses denuncian a falta de compromiso dos populares coa mellora do servizo de pediatría do centro de especialidades de Betanzos: “pedíamos un total de 350.000 €, entre outras cousas para ampliar o servizo de pediatría aos centros de saúde de Aranga, na Castellana e en Muniferral, evitando así os desprazamentos até Betanzos”.
“En definitiva, un ano máis, o PP fai valer a súa maioría absoluta para rexeitar todas as emendas presentadas polo noso grupo. É lamentable, porque o PP non toma en consideración emendas que mellorarían a vida da xente de Aranga, con máis e mellores servizos”, declarou o responsábel local do BNG.
Outro ano máis, o PP nega os cartos para o CEIP da Castellana
Pero onde o BNG de Aranga pon maior énfase é na emenda que reclamaba fondos para reformas no CEIP da Castellana:
“Desde Aranga pedíamos que a Xunta incluíse unha partida específica nos orzamentos para realizar obras de mellora no CEIP da Castellana, pero como ven sendo habitual, a Consellaría negou os cartos de maneira sistemática para reformas nun colexio que xa ten máis de 40 anos”,lamenta Díaz, que lembra que o goberno de Aranga, tamén do PP, non incluíu tampouco “un só euro” no seus orzamentos para este ano.
“Cústanos crer que o goberno de Alberto Platas non queira dar máis e mellores servizos á veciñanza. O colexio desde logo é para nós un servizo fundamental e estratéxico se queremos manter poboación. Aínda que a primeira responsabilidade neste caso é da Xunta, desde logo, hai maneiras de poñer cartos por riba da mesa, mesmo sen recorrer ás axudas do POS, como xa temos suxerido no pasado”, declarou Díaz.
Vías para que o Concello acometa as obras no CEIP da Castellana
Os nacionalistas están convencidos de que resulta posíbel acometer obras no colexio e lembran que existen fórmulas legais para actuar:
“A maneira máis sinxela de obter fondos para as obras no colexio pasaría por que o Concello aproveitase fondos do capítulo de gastos correntes e os pasasepara o capítulo de investimentos”, propoñen os nacionalistas. “A outra maneira implicaría unha modificación no orzamento municipal. O goberno ten maioría absoluta e non pode ter a escusa de que a oposición non quere autorizar un gasto non previsto, máis se é para o colexio”.
O portavoz nacionalista insiste en que é moi urxente acometer obras a curto e medio prazo no CEIP da Castellana, reformas “vitais” para mellorar as prestacións dun servizo básico como é a educación e para frear a caída demográfica en Aranga, algo imparable se continúa esta “inacción exasperante” do goberno local, remata Díaz.