A municipal é sen dúbida a mellor versión da política, porque permite unha xestión directa e participativa dos asuntos públicos. Desde o Concello temos a opción real de transformar e mellorar a vida de veciños e veciñas, ás mais das veces con moi poucos recursos. O BNG quere gobernar Aranga porque aspira a poñer en valor os seus recursos e colocar as institucións ao servizo da cidadanía, construíndo entre todas e todos un goberno da xente para a xente. Parece sinxelo, non?
Pois é sinxelo. O caso dos recursos enerxéticos é exemplar a este respecto. En Muras, os beneficios da produción eléctrica puxéronse ao servizo da poboación, para garantir un dereito fundamental como é a luz nos fogares. Estou convencido de que é unha boa idea e que pode funcionar perfectamente en Aranga: sen chegar aos números de Muras, en Aranga a produción de enerxía renovábel é de 178.135.000 Kwh ao ano, repartidos en tres saltos de auga, un punto de xeración de enerxía con biomasa e tres parques eólicos, que teñen previsto aumentar a potencia instalada. Este incremento, que vai supor maiores beneficios ás empresas que os explotan, xustifica perfectamente unha suba do aluguer dos terreos que ocupan e por tanto maiores ingresos para o Concello. É fundamental, pois, xestionar ben esa produción enerxética para garantir un mínimo nivel de vida e de benestar á nosa veciñanza, especialmente á terceira idade, que constitúe ademais o sector maioritario da nosa poboación.
Aranga ten un enorme potencial na xeración de enerxía, sexa eólica, hidroeléctrica ou de biomasa, pero estes recursos non redundan no beneficio da xente. O goberno local non pode quedarse de brazos cruzados e non facer nada. A tarifa eléctrica galega que tanto demandamos no BNG pide exactamente iso: actuar contra a estafa e o espolio enerxético.
Nun concello como Aranga, que conta con ingresos vencellados á explotación eléctrica é perfectamente posible reunir 100.000€ con fondos propios. Con esa cantidade estamos en condicións de financiar unha axuda directa para a cuarta parte dos fogares de Aranga de 30€ por mes, ponderando a axuda por tramos económicos. A subvención abaratará de maneira moi significativa a factura da luz das familias con menores ingresos. Para pór en contexto o impacto desta medida, basta saber que o PP destina hoxe preto desa cantidade, 100.000 euros, aos salarios do equipo de goberno, e todo isto nun concello de menos de 1.900 habitantes. As prioridades do BNG en Aranga están claras: garantir dereitos básicos e non tanto en pagar dedicacións exclusivas; a prioridade está na veciñanza. Coa bonificación na factura da luz, contribuiremos desde o goberno local ao reparto da riqueza que xeran os nosos recursos naturais e compensaremos así o impacto medioambiental que afecta de xeito directo a veciños e veciñas, con torres de alta tensión e outras instalacións a ocupar o noso territorio.
A proposta do BNG para abaratar a factura da luz é, en definitiva, unha proposta humilde, pero é tamén unha mostra do que significa para nós un goberno do cambio, que implica sobre todo unha mudanza nas políticas que o concello leva a cabo e xaora, outra maneira de se relacionar coa veciñanza. No goberno, poñeremos os recursos públicos ao servizo da xente e co horizonte claro da xustiza social e redistributiva que o BNG asocia a máis e mellores servizos e a un desenvolvemento sustentado nos nosos propios recursos.
Para quen coma min cre que a política municipal é o mellor xeito de “facer país”, para quen asocia nacionalismo con benestar e xustiza social, é prioritario pensar as políticas en termos de participación e inclusión, tendo en conta os intereses dunha veciñanza que é plural. Non entendo, en fin, a política sen a veciñanza. No goberno, incorporaremos as necesidades das parroquias nas políticas culturais, á hora de poñer o noso patrimonio histórico, no labor de promoción e asesoramento aos sectores produtivos, en definitiva, escoitaremos máis para investir os recursos de todos e todas cunha finalidade redistributiva. Para iso estamos en política, para non repetir os mesmos erros e cambiar a vida de quen sempre perdeu todas as batallas.