Denunciamos a marxinación da parroquia de Cambás

b937da2a-0f68-44c0-8681-d09715ac313a

“Na estrada que une Cambás con Monfero hai que acabar coas numerosas fochancas, retirar as lombas de cementos e mellorar o trazado e sinalización da vía. Celebraremos no campo da feira a festa gastronómica do Millo de Aranga e o encontro de variedades locais, asociado a un encontro de intercambio de sementes. O abandono da pista deportiva e do parque do Toxiño é un exemplo da mala xestión do goberno local, que condena ao abandono infraestruturas que podería ser aproveitadas pola poboación máis nova”.

Denunciamos a marxinación da parroquia de Cambás

Aranga, 28 de febreiro. Membros do BNG de Aranga reuníronse hai uns días coa veciñanza da parroquia de Cambás, que solicitou melloras na estrada que une a parroquia con Monfero e denunciou tamén o abandono das pistas deportivas no Toxiño. A veciñanza demandou a recuperación do vello campo da feira no Gallado. O BNG propón que este último espazo albergue a festa gastronómica do Millo de Aranga, o encontro de variedades autóctonas e o encontro de intercambio de sementes autóctonas, paralelas á xa tradicional xuntanza cabalar.

Solicitan melloras na DP-0301

A veciñanza de Cambás trasladou ao BNG a súa preocupación pola da estrada que une a parroquia co concello de Monfero, unhas das vías máis utilizadas de Aranga. Se ben a estrada foi asfaltada nas últimas semanas, as fochancas están á orde do día e o goberno local decidiu conservar unhas lombas de cemento á altura do Carballal que non cumpren a normativa.

“A estrada que une Cambás e Monfero é unha das vías máis transitadas do concello. Porén, esta vía non está ben sinalizada nin ten o trazado máis seguro”, afirma Díaz, que recorda o proxecto do goberno bipartito da Xunta de Galicia para mellorar o trazado desta estrada. “En todos estes anos”, critican os nacionalistas, “o Concello foi incapaz de mellorar o trazado e a estrada está chea de fochancas; é todo un perigo para a circulación.”

“Habería que retirar esas lombas e mellorar a sinalización, con sinais verticais para recordar a velocidade axeitada a cada tramo. Sería un escaso gasto para o Concello, pero gañaríamos moito en seguranza”, argumentou Díaz.

Outras queixas veciñais recaen nas marquesinas utilizadas polos nenos e nenas para esperar o bus escolar, que están cheas de silvas, ou na escasa presenza de contedores para reciclar plástico e vidro, “apenas un par no Toxiño e outro no Gallado, unha cantidade claramente insuficiente e ademais, lonxe das casas”, sinala o portavoz nacionalista que lembra a necesidade de que o Concello garanta servizos en Cambás, como a recollida do lixo.

Aproveitar a pista deportiva e limpar o parque infantil do Toxiño

Denuncian tamén os nacionalistas o estado da pista polideportiva e do parque infantil do Toxiño. O BNG recorda que a pista non está ben asentada e que resulta insegura, polo que reclaman ao Concello que a asegure cun muro de contención. O responsábel nacionalista, Carlos Díaz, afea ao goberno local a falta de mantemento e de uso da pista, que podería ser aproveitada pola poboación de Cambás, “sobre todo a máis nova” e mostra o seu pesar polo desleixo evidente no parque infantil, onde o goberno local non se preocupa nin de baleirar as papeleiras.

“Primeiro gastan os cartos en crear unha infraestrutura e logo non saben que facer con ela. Outro exemplo máis da falta de ideas do goberno local e do escaso interese que ten por dar servizos á nosa xente”, lamentou Díaz, que propón recuperar este espazo e organizar actividades periódicas destinadas á poboación máis nova.

Actividades no Campo da Feira complementarias da Xuntanza Cabalar

Pero onde maior énfase poñen os nacionalistas é no Campo da Feira do Gallado. O portavoz nacionalista insiste en que a parálise do goberno local se fai evidente na falta de protección da arquitectura popular do campo da feira e critica a falta de impulso e de ideas para Cambás.

“O campo da feira de Cambás está completamente abandonado á súa sorte. Os Postos da Feira están catalogados no PXOM e son un patrimonio dos veciños e veciñas. Regularizaremos a propiedade, para que fique escriturado a nome da parroquia e que sexa a veciñanza a que xestione ese ben común, como fai hoxe coa casa parroquial. O BNG xa amañou a concentración parcelaria na parroquia de Cambás e tamén amañará isto”, afirman Díaz.

“O campo da feira é un patrimonio dos veciños e veciñas de Cambás e fai parte da nosa historia. É ben hora de recuperar ese espazo, coa arquitectura popular que contén, dándolle de novo uso: nós propomos celebrar no campo da feira a festa gastronómica do Millo de Aranga, un encontro de variedades locais, para potenciar a nosa caste de millo, asociado a un encontro de intercambio de sementes autóctonas”.

O grupo nacionalista propón tamén que estas actividades coincidan cun evento singular xa existente, a Xuntanza Cabalar, que desta forma se vería potenciada. O obxectivo é divulgar rutas a cabalo polo concello e aproveitar para difundir o noso gran patrimonio natural, aumentando así os ingresos por turismo na hostalaría local.

Desde o BNG insisten en que se trata de “propostas factibles, con pouco custo pero moi beneficiosas para a parroquia de Cambás e o concello no seu conxunto, porque contribuirán o potencial de Aranga e traerán visitantes, facendo do municipio un lugar máis atractivo se cabe para visitar e xaora, tamén para vivir”, conclúe Díaz.

Denunciamos a marxinación da parroquia de Cambás