REIVINDICAMOS UNHA FESTA VIVA, CON CONTIDOS CRÍTICOS E QUE REFLICTE A NOSA SOCIEDADE
As coplas de Entroido entran no debate político de Aranga
“Con estas coplas queremos lembrar que o Entroido pode ser tamén un elemento de dinamización social e de atracción turística no concello. Votiños veñen, votiños veñen, votiños veñen e van... / Porque pra amañar Aráanghaaaa / tes que votar Beneghá” canta a copla".
Aranga, 4 de marzo. O BNG de Aranga acaba de introducir as tradicionais coplas de Entroido no debate político local. Membros e simpatizantes desta formación publicaron a pasada fin de semana un vídeo no que interpretan, ao xeito no que se facía antigamente, unha serie de retrousos humorísticos sobre a situación do concello e chaman ao voto por esta formación nas vindeiras eleccións municipais.
A anunciada rebaixa da factura da luz, a mingua poboacional, a inacción do goberno do Partido Popular ou a necesidade de mellorar as condicións de vida da veciñanza son algúns dos temas que se abordan nesta composición, que segue o ritmo da “Rianxeira” típico das antigas coplas de Entroido aranguesas.
“Queremos reivindicar o Entroido como o que é tradicionalmente, unha festa na que se fai crítica de todo, e especialmente do poder. Nuns tempos nos que estamos a vivir retrocesos na liberdade de expresión, parécenos importante reclamar espazos públicos para nos expresar”.
Neste caso, o BNG apostou polo humor para retratar a situación municipal e reivindicar o cambio, ao tempo que quere salientar as posibilidades do Entroido para o concello. “Mentres o Partido Popular só o celebra a convocar un concurso de disfraces fóra de data porque pensa que ninguén ten interese no Entroido de Aranga, nós pensamos que esta pode ser unha festa que non só sexa do interese da poboación local, senón que mesmo pode achegar visitantes. Como en tantas outras cousas, cómpre ter ideas e confiar no noso potencial para activar a potencialidades do lugar”.
Cunha mestura de disfraces que inclúen hippies, independentistas cataláns, aldeáns, revolucionarios cubanos e personaxes estrafalarios, a charanga do BNG apunta no seu vído que ““Votiños veñen, votiños veñen, votiños veñen e van... / Porque pra amañar Aráanghaaaa / tes que votar Beneghá”
O vídeo íntegro está dispoñible en Youtube e nos perfís de redes sociais do BNG Aranga
https://youtu.be/AFnjp9TPCXo