Denunciamos que os orzamentos de Aranga continúan instalados no clientelismo
Críticas nacionalistas aos orzamentos do PP por estar “ao servizo dunha política clientelar, da compra de vontades con exemplos claros como a concesión “a dedo” de subvencións nominativas”.Un ano máis, o grupo nacionalista cuestiona que nun concello como Aranga, cunha poboación menor de 1900 habitantes, o goberno aumente outra vez o gasto nos órganos de goberno, moo próximo os 100.000 €
Aranga, 11 de marzo. O BNG considera os orzamentos, en periodo de información pública, “decepcionantes unha vez máis” por tratarse dun “documento con ingresos e gastos irreais, máis pensado para mercar vontades e preparar a inminente campaña eleitoral que para mellorar os servizos e a vida da veciñanza”.
No BNG son críticos cos orzamentos porque ao seu parecer “ao igual que en anos anteriores, están ao servizo dunha política clientelar, da compra de vontades con exemplos claros como a concesión “a dedo” de subvencións nominativas.
“Os orzamento do PP demostran unha falta total de dirección política no Concello que fai máis incomprensíbel, se cabe, o actual nivel de gasto nos órganos de goberno”, afirma Díaz.
“Hai falta de previsión e de proxecto para Aranga. A eficiencia para este goberno está en repartir cartos públicos mediante subvencións nominativas - “caramelos”-, que buscan para vontades antes que levar a cabo proxectos que cambien para ben este concello.
Uns orzamentos propagandísticos, instrumentos dunha política clientelar
Para Carlos Díaz, responsábel local do BNG, “é habitual que este goberno presente orzamentos inflados, porque así poden prometer un gasto alto, máis aínda nun ano de eleccións. Ano tras ano, os ingresos previstos aumentan, pero iso pouco importa, se logo, ao final do ano, non se verifica o gasto, como ven acontecendo de xeito sistemático. Con este modo de actuar perdemos todos. Con este goberno, Aranga perde ano tras ano poboación e oportunidades de futuro”, asevera Díaz.
O Bloque entende que non hai un proxecto detrás do documento contable, senón apenas a necesidade de cumprir cunha obriga legal de presentar uns orzamentos. “Non encontramos nos orzamentos fondos para amaños urxentes no CEIP da Castellana, nin vemos que se apoie de ningunha maneira os sectores produtivos. O maior potencial deste Concello, o seu patrimonio natural e histórico, tampouco encontra investimentos nestes orzamentos. A prioridade é conceder subvencións nominativas, asfaltar pistas ou privatizar servizos”, critica Díaz.
Outro ano máis, servizos privatizados
Para o grupo nacionalista, unha das probas da falta de eficacia do goberno Platas está na gran proporción de servizos privatizados recollida nos orzamentos, e denuncian que o goberno do PP “está a renunciar á xestión pública de servizos básicos como a rede de sumidoiros, a recollida de residuos ou o alumeado”, informa o portavoz nacionalista, para quen boa parte dos ingresos procedentes da Xunta ou da Deputación, fondos públicos, se están a derivar cara a empresas privadas, “que non buscan o ben público, senón o seu propio beneficio".
Aumenta outro ano máis o gasto nos órganos de goberno
Desde o BNG critican que nun concello como Aranga, cunha poboación menor de 1.900 habitantes, o actual equipo de goberno aumente ano tras ano o gasto nos órganos de goberno, que rolda xa os 100.000 €. No caso do alcalde, Alberto Platas, está a cobrar o máximo permitido para o seu cargo e os concelleiros con dedicación parcial aproveitan que a lei nada indica sobre máximos nos seus salarios. “É evidente que este goberno sae demasiado caro á veciñanza, porque as tres remuneracións non se reflicten no traballo do goberno local”, declara Díaz.
Para o BNG, en definitiva, “os orzamentos non deberían estar, como agora, ao servizo da política clientelar e de estratexia eleitoral do goberno do PP, senón ao servizo das necesidades da veciñanza de Aranga. Por iso, afirman desde o grupo nacionalista, os orzamentos elaborados polo goberno de Platas non van solucionar ningún dos problemas de Aranga e ademais van contribuír a agrandalos, desviando o diñeiro público a empresas públicas.